Cervo e San Ciprián acollerán actividades do Entroido do 5 ao 9 de febreiro. Os organizadores premian aos que se inscriban con antelación para participar nos desfiles.

Cervo e San Ciprián acollerán actividades do Entroido do 5 ao 9 de febreiro. Os organizadores premian aos que se inscriban con antelación para participar nos desfiles.
 
As localidades de San Ciprián e Cervo acollerán do 5 ao 9 de febreiro diversas actividades para celebrar o Entroido coa colaboración do Concello. Nos dous casos os organizadores premian aos que se inscriban con antelación para participar nos desfiles.
A concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, explicou que “a asociación Airiños do Xunco e o Concello traballan nos últimos detalles do Entroido de Cervo, no que se mesturan as actividades infantís cos desfiles e concursos de disfraces. En canto ao actos para os nenos e nenas, en Cervo teñen preparado o tradicional playback infantil para o sábado 6 de febreiro ás 18:30 horas na Casa do Concello. O desfile de Cervo será  durante o Domingo de Entroido, día 7, dende ás 18 horas, partirá do pavillón do CEIP e discorrerá polas rúas da vila rematando na praza do Souto, onde se entregarán os premios. En Cervo as comparsas  deberán estar integradas por máis de 8 persoas e as que se inscriban antes do de febreiro recibirán unha cesta con produtos típicos do Entroido. Tamén haberá premios aos mellores disfraces, con consistirán en figuras de cerámica e cestas con produtos típicos destas datas. Para máis información sobre os actos do Entroido de Cervo os interesados poden contactar con Rafa, chamando ao teléfono 600.96.83.44, ou con Azucena, no 982.55.76.13, de Airiños do Xunco”.
Dolores García tamén comentou que “o desfile de Entroido en San Ciprián celebrarase o martes, día 9, con saída e remate na praza dos Campos. Ademais ese mesmo día haberá música coa charanga Os Macanudos e o grupo Fusión Tapyioka; cea de Entroido, que organiza o CIT, e venda de bolos preñados a cargo da asociación Península da Paz. En San Ciprián o prazo para inscribirse no desfile e recibir un detalle remata o venres día 5 de febreiro. Nese caso beneficiaranse de vales de consumición en locais de hostalería e bolos preñados. Despois desa data a inscrición poderá realizarse tamén, incluso o mesmo día, pero xa sen dereito a eses agasallos. Para máis información os interesados poden poñerse en contacto  coa Casa da Cultura ou coa Casa do Mar. No caso do desfile do Entroido de San Ciprián repartiranse 2.300 euros en premios”.
Ademais haberá outras actividades: o venres 5 de febreiro celebrarase un baile no salón de actos da Casa do Mar de San Ciprián a partir das 12 da noite; estará amenizado pola discoteca móbil Blanco y Negro, haberá premios e está organizado pola asociación Amigos da Maruxaina. O sábado 6 desenvolverase un baile de máscaras no salón de actos da Casa do Mar de San Ciprián a partir das cinco da tarde con música en directo a cargo do dúo Areal, que está organizado pola asociación Terramar. O luns 8 haberá baile infantil no salón de actos da Casa do Mar de San Ciprián a partir das seis da tarde con espectáculo de pallasos e sorpresas, organizado polo Concello de Cervo, que tamén promove os inchables para nenos e nenas que haberá de 20 a 22 horas ese mesmo día na carpa que se instalará na praza dos Campos, onde a partir das dez da noite terá lugar o Espectáculo de Lume e unha hora máis tarde empezará un baile coa discoteca móbil Tapyoka.