En Ribadeo do 13 ao 18 de maio desenvolveranse diversas actividades para celebrar o Día das Letras Galegas e renderlle homenaxe a Manuel María.

En Ribadeo do 13 ao 18 de maio desenvolveranse diversas actividades para celebrar o Día das Letras Galegas e renderlle homenaxe a Manuel María.
 
Ribadeo programou diversas actividades do 13 ao 18 de maio para celebrar o día das Letras Galegas e renderlle homenaxe a Manuel María. Os actos foron presentados hoxe polo concelleiro de Cultura, Farruco Graña. 
 
O edil nacionalista contou que “desde este venres día 13 e ata o vindeiro mércores 18  vanse desenvolver en Ribadeo unha serie de actividades para homenaxear ao noso poeta universal, Manuel María, co gallo do Día das Letras Galegas. Música, poesía, presentación de libros e reparto de poemas van dar cor e vida a unha semana repleta de actos. Así, desde o venres 13 e ata o mércores 18, terá lugar a campaña Poemas de mar e terra para o noso mercado. O comercio local vai repartir poemas de Manuel María relativos ao tipo de produtos que vendan. Referencias ao pan e ao trigo no mundo das panadarías e as pastelarías, ou aos xatos, as patacas e o peixe nas tendas de comestibles, nas carnizarías e nos postos do peixe, ou tamén ao mundo dos libros, van dar cor e vida ás nosas compras nos comercio local ao longo destes días de maio. Por cada compra, como agasallo, un poema. Cada día, un poema diferente segundo o tipo de tenda á que acudamos. Versos ben achegados a nós para o comercio local, para os produtos da terra”.
 
Graña seguiu a relatar que “tamén o venres, 13 de maio, ás 20,30 horas, na Casa das Letras vai ter lugar a presentación do ensaio de Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María. Nun acto coorganizado pola A. C. Francisco Lanza e o Concello de Ribadeo imos poder coñecer un chisco máis da vida e da obra de Manuel María da man de Mercedes Queixas, mestra no CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco (A Coruña) e ensaísta; na actualidade é secretaria xeral da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG). Da súa man poderemos escoitar algúns dos poemas máis coñecidos de Manuel María”.
 
As actividades programadas polo Concello ribadense seguirán o sábado, 14 de maio, ás 20:30 horas no Cine Teatro, “teremos un concerto a cargo de Xosé Constenla: Virada por avante. Ademais de gozar da boa música poderemos tamén encher o ollo contemplando imaxes de Urbano Lugrís que van ser proxectadas ao mesmo tempo que se desenvolve a actuación. E o luns 16, inauguraremos, cara ás seis da tarde, na Sala de Exposicións de Turismo, a exposición 40 debuxos sobre Manuel María. Con obras de Martínez Coello e outros artistas que colaboran coa mesma, poderemos coñecer algúns detalles máis da vida do poeta chairego. Desde o luns 16 de maio ata o 11 de xuño será posible gozar desta mostra”.
 
O concelleiro de Cultura explicou que “xa o martes, 17 de maio, ás cinco e media da tarde, no Auditorio Hernán Naval, poderemos escoitar o concerto de Uxía e Magín Blanco: Canta o Cuco, un concerto pensado especialmente para os máis cativos, pero ao que poderemos asistir todas as persoas que amemos a música feita por Uxía Senlle e a poesía de Manuel María. Ademais ao longo destes días, os centros educativos de Primara e Secundaria (CEIP Gregorio Sanz, Sagrado Corazón e IES de Ribadeo Dionisio Gamallo) van levar a cabo tamén un labor divulgativo da obra de Manuel María. Os pícaros e pícaras de Primaria e de primeiro ciclo de Secundaria van facer unha selección de poemas do poeta chairego, darlle vida gráfica cun pequeno deseño referido ao texto, e despois repartilo entre a súa veciñanza. A cultura desenvolvida nos colexios levada de volta polo alumnado ás súas casas e ás dos veciños e veciña”.
 
Farruco Graña engadiu que “para rematar esta semana, e despois de termos colaborado coa AECC asistindo ao Festival en favor da loita contra o cancro o sábado 21, o domingo 22 poderemos escoitar de novo a Uxía Senlle cantando a Manuel María. Da man da Deputación Provincial de Lugo, a través da súa Delegación de Cultura, poderemos gozar dun novo concerto de Uxía. Será o domingo 22 de maio, ás 20:00 horas no Auditorio Hernán Naval. Por certo, antes, poderemos achegarnos ata os noso locais de hostalaría para saborearmos o Ribadeo de Tapeo”.