Este sábado, 18 de xullo, nova sesión de cine ao aire libre na praza da Mariña, en Burela. A cinta elixida é "Piratas", unha película de animación para toda a familia.

Este sábado, 18 de xullo, nova sesión de cine ao aire libre na praza da Mariña, en Burela. A cinta elixida é "Piratas", unha película de animación para toda a familia.
 
A praza da Mariña será escenario da segunda proxección de cine ao aire libre, que organiza a Concellería de Cultura. A cita terá lugar este sábado, 18 de xullo, ás dez da noite. A película da que poderá gozar o público familiar é Piratas, un filme de animación co producido por Reino Unido e Estados Unidos, segundo deu a coñecer esta mañá José Díaz, o edil de Cultura. 
Díaz indicou que “esta nova sesión é para darlle continuidade á primeira que fixemos hai uns días, esa foi coma unha proba para ver como respondían os veciños e as veciñas de Burela diante desta iniciativa. O pasado sábado proxectouse na praza da Mariña en pantalla xigante Maléfica de Disney e a resposta foi moi boa. Calculamos que asistiron entre 450 e 500 persoas e a conclusión é tivo éxito e ademais a xente demándanos repetir e iso é o que imos facer este sábado, 18 de xullo”.
A segunda proxección ao aire libre na praza da Mariña, ás 22 horas, será a de Piratas, un filme coproducido por Reino Unido e Estados Unidos. O edil socialista explicou que “é unha película de animación, que non tivo demasiada repercusión nos cines, pero que é moi valorada polo público e pola crítica. Pensamos que pode gustar e que se adapta a todas as idades, para que os asistentes gocen en familia desta cita, e co obxectivo de prestarlle atención ao público máis novo. Na Mariña hai cantidade de actividades, organizadas por todos os Concellos, pero igual eles, os cativos, son os máis esquecidos. Véselles gozar con estas cousas aos máis pequenos e pensamos que hai que facelas”.
José Díaz di que “se a xente volve responder ben buscaremos a forma de realizar máis proxeccións ao aire libre no verán. É unha actividade custosa, pero temos patrocinadores como a cafetería Boas Migas, o hotel Nordés, Radio Burela, ABP Informática… varios establecementos que nos botan unha man para poder sufragar os custes. É unha pantalla grande de 9 x 6 metros e como digo a actividade é custosa, pero si hai boa resposta temos que facer o posible para seguir adiante con elas. O pasado sábado foi unha das noites máis bonitas do verán, preciosa para gozar do cine ao aire libre”.