San Martiño

14/07/2025

A parroquia de San Martiño, no concello de Foz, celebrará as festas do Carme desde este venres, 18 de xullo, ata o domingo 20.

As actividades comezarán o venres as 20:30 horas cunha actuación de Batucada Kombarullo; ás 21:00 horas haberá pancetada e ás 22:30 horas empezará a verbena, que amenizarán o grupo Fénix e a orquestra New York.

O sábado celebrarase misa ás 13:30 horas e despois haberá procesión e sesión vermú, co grupo JB SON, que tamén amenizará  a verbena xunto ao Grupo Beatriz.

E o domingo celebrarase misa ás 13:30 horas e a continuación haberá procesión e sesión vermú co grupo Toxo Guayaba.

09/04/2025

A Banda de Música de Foz e a Coral Polifónica de Foz ofrecerán un concerto sacro na Basílica de San Martiño de Mondoñedo, parroquia do municipio focego. Será este sábado, día 12 de abril, ás 19:30 horas.

A entrada para este evento musical é de balde.

21/03/2025

O grupo teatral O Centiño, da parroquia focega de San Martiño, representará a obra titulada Trepa, Tripa e Tropa no Local Social de Bravos (Ourol) este domingo, día 23 de marzo, ás 18:30 horas.

A Asociación Cultural Recreativa Deportiva Aturuxeiros, de Bravos (Ourol) explica: “esta nova obra de O Centiño fainos reflexionar sobre os defectos humanos que nos afastan da felicidade. Cunha boa dose de humor e mensaxe, seguimos explorando o teatro que nos fai rir... e pensar. Dende 2015 este grupo de San Martiño leva enchendo os escenarios con comedia e reflexión. Agora presentan unha historia sobre humildade, bondade e o que realmente importa. Humor, teatro e mensaxe! Entrada con Taquilla inversa”.

08/03/2025

O grupo de teatro O Centiño, de San Martiño (Foz), representará a obra Trepa, Tripa e Tropa na Casa da Cultura de Alfoz o día 15 de marzo, sábado, ás 20:00 horas.

 “Unha comedia divertida para todos os públicos que nos fará reflexionar sobre os defectos humanos e o que realmente significa conquistar a vida. Un espectáculo máxico e cheo de aprendizaxes!”, anuncia o Concello de Alfoz.

26/01/2025

O grupo teatral O Centiño, de San Martiño (Foz), representará a obra titulada A morte morrida en Trabada o día 1 de febreiro, sábado. Será ás 21:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada de balde.

Esta actividade está incluída no ciclo teatral organizado polo Concello de Trabada que recomenda: “non perdas esta oportunidade para gozar dunha noite de teatro única e chea de emocións”.

Etiquetas:
03/11/2024

A parroquia focega de San Martiño celebrará as festas na honra do seu patrón desde o venres 8 ata o domingo 10 de novembro.

As actividades comezarán o venres con verbena amenizada polo dúo Estrellas e Conxuro Discomóbil

O sábado haberá sesión vermú a partir das 13:30 horas, co grupo Eureka, que tamén actuará na verbena xunto a Conxuro Discomóbil.

E o domingo a partir das 13:00 horas celebrarase misa solemne e procesión acompañada polo grupo de gaitas A Subela. E a continuación haberá sesión vermú amenizada polo grupo Toxo Guayaba.

Os organizadores destes festexos destacan que disporán de carpa con calefacción.

Etiquetas:
15/07/2024

A parroquia de San Martiño, no concello de Foz, celebrará as festas do Carme esta fin de semana, do venres 19 ao domingo 21 de xullo.

As actividades comezarán o venres ás 21:00 horas cunha pancetada e a partir das 22:30 horas haberá verbena coas orquestras Fania Blanco Show e Grupo Beatriz.

O sábado ás 13:30 horas celebrarase misa e despois procesión e sesión vermú co grupo Fénix, que tamén actuará na verbena xunto á Discomóvil Conxuto.

E o domingo haberá misa solemne ás 13:30 horas e a continuación procesión e sesión vermú co grupo Toxo Guayaba.

Etiquetas:
19/05/2024

A asociación O Carmen, da parroquia focega de San Martiño, organiza unha viaxe para asistir á gravación do programa Bamboleo, da Televisión de Galicia, o día 4 de xuño, martes. A saída será ás 16:00 horas desde o aparcamento da basílica de San Martiño.

“Estamos a preparar as Festas do Carmen - San Martiño 2024 e fomos escollidos para participar no concurso das asociacións do programa Bamboleo, da TVG. Gustaríanos que nos acompañarades e para iso poñemos a disposición dos veciños a posibilidade de ir en bus a desfrutar da gravación do programa e apoiarnos no concurso. Tedes ata o día 21 de maio para anotarvos. Animádevos e contactade con nós para acudir de público”, explica a asociación O Carmen.

Etiquetas:
10/11/2023

A parroquia focega de San Martiño celebra as súas festas patronais desde este venres 10 ata o domingo 12 de novembro.

As actividades empezarán o venres cunha verbena amenizada polo D´Vicio e Conxuro Discomóbil. O sábado a partir das 13:00 horas celebrarase misa solemne e a continuación haberá sesión vermú amenizada polo grupo Mar d’Arousa, que tamén actuará na verbena con Conxuro Discomóbil. E o domingo a partir das 13:00 horas celebrarase misa solemne e procesión. E despois terá lugar a sesión vermú amenizada polo grupo Toxo Guayaba.
No campo da festa haberá carpa con calefacción.

Etiquetas:
12/12/2022

A Asociación Cultural O Centiño, de San Martiño, organiza a sexta edición da súa gala solidaria, que se celebrará este sábado, 17 de decembro, ás 20:30 horas no salón de actos do colexio Martínez Otero, de Foz.

O grupo teatral de O Centiño representará a súa obra titulada De poucas luces e no intermedio actuarán as pandereteiras de A Subela.
A entrada é gratuíta e no descanso recolleranse doazóns para Cáritas.

Para este evento a Asociación Cultural O Centiño conta coa colaboración da Fundación Martínez Otero e da Asociación Cultural A Subela.