Este sábado, 7 de maio, haberá teatro infantil en Burela. A compañía Baobab representará "Contos para un caldiño".

Este sábado, 7 de maio, haberá teatro infantil en Burela. A compañía Baobab representará "Contos para un caldiño".
 
A compañía Baobab Teatro representará este sábado, 7 de maio, en Burela Contos para un caldiño. Será na Casa da Cultura ás 17:30 horas. Trátase dun espectáculo para nen@s a partir de tres anos. O prezo da entrada é de 2,5 euros. A actividade forma parte da programación cultural do Concello burelés e conta co patrocinio da Consellería de Cultura, da Rede de Teatros e Auditorios e da Agadic. 
 
Desde a organización explican que “Contos para un caldiño convida ao público a escoitar e a deixarnos levar polos contos e polos obxectos visuais que se presentan, así, un chapeu que non é un chapeu, unha tesoira non é unha tesoira. Entre todos construiremos un caldo máxico con poderes especiais para converternos en máis altos, máis rápidos, e máis fortes, se así o queremos... O espectáculo consiste en ir cociñando contos e historias para que así cheiren mellor, nos entren polo nariz e poidamos degustalas”.
 
Contos para un caldiño é un espectáculo para todos os públicos, divertido e dinámico, onde todos gozarán das historias que se rescatan do ar. É un espectáculo moi participativo e ten unha duracìón de 50 a 60 minutos aproximadamente.
 
A compañía Baobab Teatro nace a mediados do 2010,  tanto Andrea Bayer como Óscar Ferreira teñen unha amplísima experiencia no eido do teatro infantil e de adultos despois de pasar por diferentes compañías como Teatro Akatro, Pavís Pavós ou Galitoon. Andrea é coñecida no mundo teatral por ter dirixido e escrito diferentes espectáculos como Golulá (Premio ao mellor espectáculo Infantil na X  Feira de Ciudad Rodrigo, Premio ao espectáculo máis innovador na XXIV Mostra de Teatro de Ribadavia, Espectáculo mellor valorado polo público infantil na IX edición da Programación de Domingos do Principal 2008), Babiliglub ( Fetén  2008).  No 2013 o seu espectáculo Fíos estivo nomeado aos Premios MAX .
 
E Óscar Ferreira conta cunha amplísima experiencia como titiriteiro, construtor de monicreques, escenografías e ten participado en diferentes espectáculos teatrais como Que medo, que medo, Golulá, Babiliglub...) así como programas de televisión Luar, Nika, Cousiñas...