A XV edición da carreira de montaña CAMOVI disputarase en Viveiro os días 18 e 19 de abril

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles,  presentou este venres a Carreira de Montaña CAMOVI, nun acto no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. O evento, que chega en 2026 á súa 15 edición, celebrarase o 18 e o 19 de abril e “enmárcase na aposta que Turismo de Galicia está facendo en Viveiro apoiando a súa promoción turística e potencial deportivo, as festas locais e festivais coma o Resurrection cun investimento global de case de 1 millón de euros”, anuncia a Xunta de Galicia.

Xosé Merelles destacou na presentación a aposta da Xunta polos eventos deportivos que “concentran un importante poder de convocatoria para o turismo. Desde a Xunta de Galicia estase a promover esta modalidade turística, un impulso que se exemplifica con eventos coma a carreira CAMOVI, que conta cunha programación variada, a través da que poñer en valor o turismo deportivo”.

Xosé Merelles abundou ademais no impacto do turismo deportivo na desestacionalización e a distribución territorial da oferta, lembrando que a CAMOVI “reúne anualmente nas súas edicións un promedio dunhas 1.000 persoas en Viveiro, o que contribúe a impulsar a Mariña luguesa como destino turístico fóra de tempada. Precisamente, durante o mes de xaneiro, 1.523 persoas fixeron 2.735 pernoctacións na localidade, o que supón un ascenso do 3,9% e do 5,6%, respectivamente, en relación a xaneiro de 2025”.

A Xunta de Galicia explica tamén que “a carreira de montaña Montes de Viveiro-CAMOVI ten a súa orixe nun reto que xurde para percorrer todos os montes que rodean o Val do Landro en Viveiro. Desde 2011 a carreira foi evolucionando ata que en 2016 foi seleccionada como a 2ª proba da Copa de España de Carreiras de Montaña. Este ano está prevista a presenza de participantes de distintos puntos de España, así como dun grupo de Portugal. A programación do evento divídese en dúas xornadas, baixo a clave de ofrecer unha experiencia integral do destino Viveiro. Durante o sábado 18 de abril celebraranse a andaina e as carreiras infantís, mentres que o domingo 19 desenvolveranse as catro modalidades de carreira: maratón, media maratón, 10 quilómetros e relevos”.