
Do 3 ao 11 de abril terá lugar en Ribadeo o XI Festival de Jazz & Blues. As entradas xa están á venda.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, anunciou que “do 3 ou 11 de abril, teremos en Ribadeo o Festival de Jazz na súa 11ª edición. Serán un total de catro concertos. O primeiro deles será o venres 3 de abril ás 20:00 horas no auditorio. Poderemos escoitar jazz clásico co grupo madrileño The Sentimental Gentlemen. O sábado 4 ás oito da tarde de novo, Will Jacobs e Marcus Coll Band achégannos desde Alemaña o son do blues de Chicago. O venres 10 de abril o dúo galego Antía Muíño e Abe Rábade interpretarán jazz moderno. E remataremos o sábado 11 cun concerto de Alana Sinkëy, con ritmo de soul, unha lisboeta con ascendencia de Guinea Bissau. Vémonos no festival de jazz. Vémonos no auditorio”. As entradas están á venda en ataquilla.com.
O XI de Jazz & Blues foi presentado polas concelleiras de Cultura e Turismo, Begoña Sanjurjo e Marta Saiz, e por Fernando Martínez e Rafael Monteavaro, representantes da organización.


