
O Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, será escenario este sábado, día 25 de abril, ás 19.30 horas da estrea da curtametraxe realizada polas persoas maiores que participaron no obradoiro de cinema impartido por Manolo Gómez. A iniciativa “permitiu achegar o audiovisual á veciñanza desde unha perspectiva participativa, creativa e interxeracional”, explica o Concello de Viveiro, que engade: “a proxección servirá para dar a coñecer o resultado final dun traballo desenvolvido no marco do obradoiro, no que os participantes tiveron a oportunidade de achegarse ao proceso de creación cinematográfica, coñecer ferramentas do ámbito audiovisual e implicarse activamente na elaboración da peza”.
A entrada será gratuíta ata completar o aforo, pero os interesados deberán reservar a localidade ou ben no número de teléfono 982.560.162 ou ben no propio teatro. A retirada das prazas deberá realizarse polo menos quince minutos antes da proxección.
O Concello de Viveiro destaca que a estrea deste sábado “suporá tamén unha oportunidade para compartir co público o talento, a ilusión e a implicación das persoas que formaron parte desta experiencia, así como o traballo realizado da man de Manolo Gómez ao longo do obradoiro”.


