
O deporte será o encargado de abrir a programación da Festa da Maruxaina coa celebración do IX Torneo Maruxaina de fútbol, que enfrontará ao Club Deportivo San Ciprián e á U.D. Folgueiro, unha cita que foi presentada este martes pola alcaldesa, Dolores García Caramés, polo presidente do club anfibrión, Eduardo Rubal, e o director deportivo, Félix Martins, nas insatalacións da Veiga.
O encontro, organizado polo CD San Ciprián, coa colaboración do Concello de Cervo, disputarase este xoves, 6 de agosto, ás 20:00 horas, no Campo Municipal da Veiga, en San Ciprián, nunha cita “xa consolidada dentro da programación festiva do municipio e que reúne cada verán a numerosos afeccionados ao fútbol”.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, subliñou a importancia desta iniciativa deportiva, sinalando que “o deporte será o encargado de abrir os actos da Maruxaina cun torneo xa consolidado que contribúe a impulsar o deporte local e a reunir á afección nun dos eventos máis importantes do verán no noso concello”.
García Caramés destacou tamén o papel que desempeña o Club Deportivo na dinamización do municipio, agradecendo o seu compromiso e implicación na organización de actividades que “enriquecen a programación das festas”, neste caso.
Desde o Concello de Cervo animan á veciñanza e aos visitantes a achegarse ao Campo Municipal da Veiga “para desfrutar dunha gran tarde de fútbol e apoiar aos equipos participantes nun encontro que dará o pistoletazo de saída á programación da Maruxaina”.


