Ribadeo despedirá o verán co Guateque que se celebrará no Parque de San Francisco este sábado, 29 de agosto

Ribadeo despedirá o verán co Guateque que se celebrará no Parque de San Francisco este sábado, 29 de agosto. Todo o recadado irá destinado ao Carnaval 2027. 

A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, contou que “xa está aquí o Guateque dos anos 60, a música, a cor e a nostalxia dos anos 60 e 70 volven a Ribadeo.  A Comisión do Carnaval e o Concello de Ribadeo, xunto con moitos amigos que nos botan unha man, xa ultimamos os detalles para o tradicional Guateque fin de verán, que arrancará a partir das 8 da tarde o vindeiro sábado, 29 de agosto, no Parque de San Francisco. A cita contará con música que repasará os grandes éxitos desa época e para os que queiran disfrutar desde primeira hora tamén haberá postos con empanada ou tortilla”.  

A edil ribadense dixo: “dende a organización queremos facer un chamamento entusiasta para que todo o mundo acuda caracterizado deses anos. Remata o verán e chega o momento de sacar dos armarios eses pantalóns de campá, vestidos de flores, gafas xigantescas e os tupés para mergullarnos por completo na estética desa década”. 

Saiz subliñou: “do mesmo xeito queremos incidir na importancia de manter un comportamento cívico e coidando o entorno e por iso, por motivos de orden, de limpeza e de estética non estará permitido o botellón en toda a zona do parque e do Cantón”. 

A concelleira de Turismo anima a veciñanza e visitantes a acudir ao Guateque o vindeiro sábado: “convidamos a todas as persoas a colaborar coa organización xa que os prezos serán populares e todo o recadado irá directamente á organización do Carnaval 2027. Xa sabedes que a diversión está garantida o vindeiro sábado a partir das 8 da tarde. Veciños e visitantes convivimos durante todo o verán e qué mellor maneira de despedilo que todos xuntos recordando eses marabillosos anos”.