O Concello de Alfoz despedirá a tempada da piscina municipal este domingo, 30 de agosto, cunha festa de clausura para toda a familia

O Concello de Alfoz celebrará este domingo, 30 de agosto, unha festa de clausura da tempada da piscina municipal, cunha xornada “pensada especialmente para o desfrute das familias e dos máis pequenos e pequenas”.

A celebración contará con música e un castelo inchable, “co obxectivo de crear un ambiente festivo no que veciñanza e persoas usuarias das instalacións poidan compartir unha xornada de lecer antes de despedir a tempada de verán”.

A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, anima á veciñanza a participar na celebración e destaca o carácter familiar da iniciativa: “queremos despedir esta tempada cunha xornada agradable, de convivencia e diversión, especialmente para os nenos e nenas, que son dos que máis desfrutan da piscina durante o verán”.

Maseda explica tamén que “aínda que a piscina municipal permanecerá aberta ata o 31 de agosto, decidimos celebrar a festa de clausura o domingo 30 para facilitar que as familias poidan participar e compartir este momento, ao tratarse dun día festivo e no que resulta máis doado desfrutar xuntos das actividades”.

O Concello de Alfoz convida a todas as familias e persoas usuarias da piscina a achegarse e participar nesta xornada “coa que se porá o broche festivo á tempada estival".