
O Concello de Xove anuncia que unha vez rematadas as festas patronais de Xove, a celebración continúa esta fin de semana na parroquia de Portocelo, que se prepara para vivir “tres intensas xornadas festivas na honra da Nosa Señora. Os días 4, 5 e 6 de setembro, a música, a gastronomía e a tradición volverán ser protagonistas nun programa pensado para tódolos públicos”.
“As festas darán comezo o venres 4 de setembro ás 21.00 horas coa celebración da Festa da Paella de Marisco ao estilo Portocelo. Nesta ocasión, o encargado de cociñar e servir a paella será o famoso tiktoker zamorano El Papi, que achegará o seu particular estilo a esta proposta gastronómica, que á vez estará amenizada pola Asociación Cultural Saíñas. A música empezará ás 23.00 horas cunha gran verbena, que contará coa actuación do Dúo Musical La Hora Bruja e do Grupo Lecer”, explica o Concello de Xove, que engade: “o sábado 5 de setembro as bombas de palenque, ás 10.00 horas, anunciarán o comezo dunha nova xornada de festa. Os actos relixiosos terán lugar ás 13.00 horas, cunha misa solemne na igrexa de Vilachá, seguida dunha sesión vermú a cargo do dúo Crazy no campo da festa de Portocelo. Xa pola noite, a música volverá ser a gran protagonista cunha verbena que contará coas actuacións das orquestras Charleston Big Band e Cinema. A xornada festiva do sábado rematará coa música da Disco Móbil Conxuro”.
O Concello de Xove tamén destaca que “co obxectivo de facilitar os desprazamentos e favorecer que todas as persoas poidan gozar da festa con seguridade no desprazamento, o sábado haberá servizo especial de autobuses desde Viveiro, Xove, San Cibrao e Burela”.
O programa festivo pecharase o domingo 6 de setembro cunha sesión vermú prolongada, que dará comezo ás 13.30 horas e que estará amenizada polo dúo Primera Línea.
A organización destas festas corre a cargo da Asociación de Festexos A Medorra, que “traballa incansablemente ao longo de todo o ano na organización de outros eventos para facer que todos os veciños e veciñas da parroquia e visitantes poidan desfrutar destas festas á Nosa Señora e, como non, agradecen a toda a veciñanza e empresas a súa colaboración”, salienta o Concello de Xove, que, como colaborador nestas festas, convida a toda a veciñanza e ás persoas que se acheguen desde outros municipios “a participar nestas festas de Portocelo e a gozar dunha fin de semana na que a tradición, a gastronomía e a música volverán encher de ambiente a parroquia. As festas de Portocelo supoñen así a continuidade do calendario festivo do municipio despois das celebracións patronais de Xove, mantendo vivo o espírito festivo durante este primeiro fin de semana de setembro e dando un remate forte a un verán intenso e cheo de festas por todo o concello”.


