
A Deputación de Lugo anuncia que impulsa o ciclo cultural Pantallas Sonoras, organizado pola Asociación Cultural Plataforma Ultramar, que dá inicio este mércores, 2 de setembro, en Burela á programación vinculada ao Festival Osa do Mar. A institución provincial achega 10.000 euros á entidade para o desenvolvemento desta proposta cultural, que se celebrará ata o 5 de setembro e que combina cinema, música, creación audiovisual galega e participación cidadá.
Pantallas Sonoras celebrará a súa segunda edición con documentais, coloquios, música en directo e a final do seu primeiro concurso de videoclips, que recibiu preto dun centenar de traballos. A iniciativa, desenvolvida en colaboración co Festival Osa do Mar e co apoio do Concello de Burela, busca tender pontes entre o cinema, a música e o audiovisual.
A Deputación anuncia que a programación “arrinca este mércores, 2 de setembro, ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Burela, coa proxección de Ao son da nova regueifa (2025), unha produción de Undodez que explora a transformación e recuperación da improvisación oral en Galicia. A sesión contará cun coloquio cos directores Saúl Rivas e Manolo Maseda, natural de Burela. O xoves 3 de setembro, ás 19.30 horas, será a quenda de Casamance. Banda sonora dunha viaxe (2016), unha película que afonda nas raíces musicais de Senegal e na transmisión cultural entre territorios. A actividade contará coa participación do músico Depedro, cabeza de cartel do Osa do Mar 2026, coa mediación de Ángel Carmona e coa presenza da directora Paloma Zapata. A xornada completarase no Barco Museo de Burela cun concerto de Gara Durán e unha sesión do DJ Anxo Ferreira”.
Ademais destaca que “un dos principais atractivos desta segunda edición é o I Concurso de Videoclips Pantallas Sonoras, que recibiu preto de cen obras nesta primeira convocatoria, demostrando a vitalidade da creación audiovisual galega vinculada á música. A final celebrarase o sábado 5 de setembro ás 12.00 horas no escenario do Osa do Mar, coa proxección dos once traballos finalistas e a participación do público na elección do Premio da Audiencia”.
A Deputación de Lugo tamén anuncia que achega outros 30.000 euros á entidade Fanto Fantini para a organización do Festival Osa do Mar 2026, que arranca este xoves 3 en Burela e reunirá ata o 6 de setembro a máis de 18 artistas e formacións. “O cartel combina artistas consolidados e novas promesas da escena estatal e galega, con nomes como Depedro, Anxo Ferreira, Éxtasis, Fillas de Casandra, Grande Osso, The Rapants, ou Ortiga, entre outros”.
A Asociación Cultural Fanto Fantini organiza desde hai nove anos o Osa do Mar, un festival sen ánimo de lucro que “mantén a súa aposta por unha programación orixinal e diversa, con especial presenza de artistas e grupos emerxentes, moitos deles galegos. Ao longo das súas edicións, o festival consolidouse como unha referencia cultural na Mariña e como un espazo para descubrir novos talentos e favorecer o encontro entre artistas e público”.


