
A Aula Universitaria da UNED de Foz dará comezo ao curso académico 2026/27 cunha actividade “especialmente ligada ao patrimonio natural da comarca: o roteiro interpretativo A berrea, que permitirá achegarse á observación do celo do cervo vermello ou cervo europeo no seu hábitat natural”. A actividade terá lugar o mércores 23 de setembro, de 18:00 a 20:30 horas, na Fraga Vella, e o punto de saída será o campo de fútbol de Alfoz. O percorrido será duns 3 quilómetros e terá unha dificultade baixa. O roteiro estará guiado por Pedro Rolle, bombeiro forestal e experto no coñecemento e na biodiversidade da contorna, que acompañará os participantes nesta experiencia de observación e interpretación da natureza.
“Queremos iniciar o curso cunha actividade que nos permita poñer en valor o extraordinario patrimonio natural que temos ao noso redor e, ao mesmo tempo, ofrecer unha experiencia diferente e aberta á participación da cidadanía”, sinala a coordinadora da Aula Universitaria da UNED de Foz, Marta Muiña.
Esta actividade servirá como punto de partida para un curso que “volverá contar cunha ampla programación de extensión universitaria, con propostas formativas e divulgativas para diferentes públicos. Entre elas figuran, como ven sendo habitual, cursos preparatorios para a certificación de niveis de galego e inglés, así como actividades dirixidas a nenos e nenas e outras relacionadas co deporte, a saúde e o benestar, entre diferentes propostas que se irán incorporando ao longo do curso”.
“A UNED de Foz é xa un importante espazo de formación e divulgación para toda a comarca, e desde o Concello queremos seguir apoiando unha programación que achega a universidade á cidadanía e ofrece oportunidades de aprendizaxe para persoas de todas as idades”, destaca a concelleira de Educación, Elena Martínez Pena.
Por outra banda, recordan que está aberto o prazo de matrícula na UNED ata o 21 de outubro, “cunha ampla oferta de graos e dobres graos que se poden cursar a distancia. A Universidade incorporou tamén novidades na súa oferta académica para este curso, entre as que destacan novos graos e dobres titulacións como o Dobre Grao en Psicoloxía e Criminoloxía ou o Dobre Grao en Economía e Matemáticas”.
Desde a Aula Universitaria anímase ás persoas interesadas en iniciar ou continuar estudos universitarios a consultar a oferta actualizada da UNED e as novidades do curso 2026/27, así como a programación de extensión universitaria.
Para máis información e consultas pódese contactar coa Aula Universitaria da UNED de Foz a través dos seus canais habituais ou consultar a súa programación na web da UNED.


