
O Concello de Burela celebrará do 19 ao 23 de outubro a II Semana da Infancia e Adolescencia, unha iniciativa impulsada polas áreas de Educación e Mocidade “para conmemorar os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, dar visibilidade ao recoñecemento de Burela como Cidade Amiga da Infancia e continuar traballando na renovación desta distinción”.
“A proposta dá continuidade á iniciativa posta en marcha en 2025 na Mesa Técnica da Infancia, que promove a celebración dunha semana ao ano dedicada aos dereitos da infancia e da adolescencia. A programación inclúe obradoiros e actividades arredor do bo trato, a igualdade, a saúde, a diversidade e o xogo, ademais de formacións e encontros dirixidos a diferentes públicos”, anuncia o Concello de Burela, que agradece “a implicación do persoal municipal de distintas áreas, en especial a Noelia Legazpi, educadora familiar do Concello, e Jaime Méndez, técnico de Mocidade; así como a colaboración dos centros educativos de primaria e secundaria da vila e o compromiso dos profesionais que participarán nas actividades”.
O mércores 21 pola mañá, os nenos e nenas do CEIP Vista Alegre visitarán os murais da Confraría de Burela. Pola súa banda, a Asociación Alborada de Vigo impartirá o venres pola mañá, no salón de plenos, unha formación dirixida a profesionais da psicoloxía que traballan coa infancia e a adolescencia.
Durante todas as tardes da semana a praza do Concello contará con xogos de mesa, unha mesa de ping-pong e unha máquina recreativa retro a disposición dos nenos, nenas e adolescentes.
Un dos actos centrais terá lugar o xoves 22 de outubro, ás 19.00 horas, coa mesa redonda Educación sen Discriminación, na que participarán Ana Vasco, fiscal especializada en delitos de odio; Pablo Cando, xefe do GIC de Lugo e responsable tamén de delitos de odio; Emma Velo, da asociación Ecos do Sur; e Pilar Fernández, de Arraianas.
A semana rematará o venres 23 de outubro, ás 19.00 horas, cun acto de clausura no parque Rosalía de Castro, a cargo da alcaldesa, Carmela López, e do tenente de alcaldesa e concelleiro de Educación e Mocidade, Mario Pillado. O peche contará cun ensaio aberto da Escola de Música e coa actuación do grupo adolescente Blood Skeleton.


