250 ciclistas percorrerán Viveiro o 8 de xuño no 36º Gran Premio San Roque e na Copa de España de ciclismo adaptado.

O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, presentou, xunto coa Alcaldesa de Viveiro en funcións, María Loureiro García, as actividades deportivas que terán lugar este sábado na vila mariñá. Unha data que reunirá a preto de 250 ciclistas, entre as categorías de base que compiten no 36º Gran Premio de San Roque, e os participantes da Copa de España de Ciclismo Adaptado. Durante a presentación estiveron acompañados por membros do Club Ciclista Viveiro, e pola ciclista Mila López Benet. Esta competición oficial consta de 9 probas puntuables, das que a de Viveiro é a terceira, sendo a primeira proba destas características que se celebra en Galicia.

Vidal Baamonde destacou “a importancia que ten o deporte inclusivo para a mellora da calidade de vida das persoas con capacidades diferentes. Ademais, ao xuntalo nunha mesma data, cunha proba tan importante para o ciclismo de base como é o o Gran Premio de San Roque, ofrecémoslles aos máis novos referentes no deporte adaptado que poden servirlles como exemplos de superación persoal e na loita pola integración real”.

A Copa de España de Ciclismo Adaptado está dividida segundo o nivel de diversidade funcional, así os participantes en C1, C2, C3, C4 e C5, que compiten en bicicletas convencionais adaptadas e os corredores de H4 e H5 que o fan en triciclos manuais adaptados para que os deportistas sen mobilidade nas pernas vaian en posición horizontal, percorrerán 30 quilómetros, con preto de 400 metros de desnivel, que, en determinadas zonas, se achega ao 12%. Mentres, que pola súa banda os ciclistas que compiten en H1, H2 tamén en triciclos manuais e T1 e T2 triciclos pensados para a deportistas con lesións neurolóxicas que afectan ao sentido do equilibrio; competirán durante unha hora nun circuíto de 2,5 quilómetros.

Durante a tarde, preto de 220 rapaces e rapazas das categorías cadete, principiante, infantil e alevín participarán no 36º Gran Premio de San Roque. En concreto, a categoría cadete, que  constitúe a proba galega do Trofeo Asturcantabrogalego, reunirá a máis de 100 rapaces, que percorrerán 49 quilómetros polo concello mariñán, rematando no Alto de San Roque. A proba tamén inclúe o único campionato Infantil en Ruta de Galicia, no que os ciclistas competirán durante 16 quilómetros, nun itinerario circular con saída e meta en Celeiro.