A 2ª Ruta de Viños, que organizan en Foz 8 locais hostaleiros, repartirá 1.000 euros en premios. A cita desenvolverase os xoves, venres e sábados do 12 de abril ao 26 de maio.

Oito locais hostaleiros de Foz, socios do Centro Comercial Aberto, organizan a 2ª Ruta de Viños, que se desenvolverá os xoves, venres e sábados desde o 12 de abril ao 26 de maio. 

Na cita participan de novo: Leyton, Mayros, Xoyma, Dandy, Happy, Express, Anduriña e Xoiña, establecementos situados nas rúas Álvaro Cunqueiro e Avenida da Mariña. Cada local ofrecerá unha tapa especial aos clientes os xoves, que venderán a 1,50 euros.  

Para incentivar que a xente acuda a esta 2ª Ruta de Viños os hostaleiros farán seis sorteos en Radio Foz, empregando o sistema de extracción de cartolinas. Cada semana haberá dous premios: 1 vale para cear 5 persoas por valor de 100 euros nun dos restaurantes que participan nesta iniciativa e 3 vales por valor de 20 euros cada un para consumir nas cafeterías Mayros, Express e Anduriña.

Estes 8 locais hostaleiros focenses animáronse a repetir a Ruta de Viños que puxeron en marcha os pasados meses de febreiro e marzo, “debido a que tivo unha boa acollida entre a nosa clientela”. 

Os sorteos de agasallos terán lugar en Radio Foz os días 16 e 23 de abril e os días 7, 14, 21 e 28 de maio.