Aberta a inscrición para as xornadas Mar por Medio, que se celebrarán en Ribadeo do 1 ao 3 de decembro

A Academia Xacobea ultima os preparativos para a celebración da vindeira edición das Xornadas Mar por Medio, que terán lugar do 1 ao 3 de decembro en Ribadeo, reunindo a un destacado grupo de expertos de diferentes ámbitos para debater sobre o tema “O Camiño: Cultura e tradición”. Ese é o título e o fío condutor do programa elaborado pola Academia coa colaboración da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Ribadeo. Durante tres días celebraranse conferencias, mesas redondas e outras propostas divulgativas sobre aspectos tan diversos como o patrimonio, a música, a artesanía ou a gastronomía en relación cos Camiños de Santiago e o fenómeno xacobeo. 

Xa está aberto o prazo para que os interesados en participar poidan formalizar a súa inscrición. Para tal fin habilitouse un formulario na web da Academia Xacobea que xa está accesible ao público: http://academiaxacobea.gal/inscripcion-mar-por-medio/

A orixe das xornadas Mar por Medio remóntase a principios dos anos 90 do pasado século por iniciativa do profesor emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford e fundador do Centro de Estudos Galegos desa prestixiosa institución, John Rutherford. Despois dun longo parón de máis dunha década foron recuperadas en 2022 pola Academia Xacobea coa colaboración do propio Rutherford. A pasada edición, que se celebrou coincidindo coa recta final do excepcional Ano Santo bianual 2021-22, titulouse “O Camiño do Século XXI”.