Acisa anima a facer as compras da volta ao cole en Ribadeo. A asociación traballa tamén na desestacionalización do turismo.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte Quintana, anunciou que “xa temos lista a programación de setembro e estamos a traballar na do último trimestre deste 2021. En setembro pretendemos axudar á desestacionalización do turismo e ao fomento das compras co obxectivo de alongar  así a tempada de verán ata outubro. Farémolo principalmente coa actividade Ribadeo 4x4, en colaboración coa Área de Turismo do Concello de Ribadeo, e coa nosa campaña para a Volta ao Cole con Acisa”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez Prada, contou que “hoxe presentamos a campaña para a Volta o Cole coa que pretendemos recordarlle á veciñanza que non hai mellor lugar para facer as compras desta tempada que no comercio local de Ribadeo, onde encontrarán todo o que necesitan como roupa, calzado, material escolar, electrónico, … Tratase dunha campaña de promoción e de entrega de materias, que consta de cartelería e tarxetas de prezos para aqueles negocios que o soliciten, unificando así a imaxe do comercio de Ribadeo e aforrándolles custos aos establecementos asociados. A isto compre engadir as Panchas do Concello de Ribadeo, que como saben por 30 euros reciben 40 panchas para consumir nos locais adheridos ata o 31 de decembro. Isto sen dúbida creemos que será unha moi boa forma de fixar e fidelizar clientela nesta tempada de gran consumo, cando a xente se prepara para á volta ao colexio, ás universidades, aos traballos…”.