Acisa presentou o seu selo "Ribadeo Seguro", unha marca propia para identificar aos asociados que cumpran todas as normas preventivas fronte ao coronavirus.

ACISA presentou hoxe o seu novo selo Ribadeo Seguro, un certificado gratuíto que concederá aos negocios e locais asociados que cumpran coas normas de seguridade e hixiene fronte ao Covid-19, co fin de mostrar ante a veciñanza e os turistas que Ribadeo é un lugar seguro para mercar e consumir. 

Dende a patronal aseguran que esta é unha forma sinxela e práctica de axudar a reactivar canto antes a economía local, dando as máximas garantías e reforzando a confianza da cidadanía. 

O presidente de ACISA Ribadeo, Francisco Iriarte, indicou que “esta iniciativa xurde da necesidade de dicirlles aos nosos clientes, sexan veciños ou visitantes, que Ribadeo é un lugar seguro para mercar e consumir, que poden confiar en nos e nos nosos negocios, que Ribadeo é un lugar onde se cumpren todas as normas e onde podemos facer unha vida normal, mercando agasallos, tomando unhas cañas ou indo cear. Con esta iniciativa queremos reforzar a confianza da cidadanía dicíndolles que non teñan ningún reparo en acudir a un negocio local e que visite Ribadeo, porque hai motivos dabondo para facelo: paisaxe, monumentos, mar, rutas, gastronomía,etc”.

Pola súa banda, o xerente de ACISA, Jesús Pérez, explicou o procedemento a seguir polos locais que queiran ter este novo selo: “o certificado Ribadeo Seguro deberá ser solicitado por cada socio a ACISA Ribadeo. Unha vez solicitado, faráselles entrega da guía preventiva correspondente ao seu sector empresarial, na que se lles informa dos requisitos, normas, protocolos de prevención, limpeza, hixienizacion, .... que debe de implantar no seu negocio. Tras a obtención de dita guía e de comprometerse a cumprir ditas normas e prevencións, fáiselles entrega do certificado Ribadeo Seguro, acreditando así  ao negocio coma seguro e onde se cumpren todas as normas e prevencións fronte o Covid-19”.

Unha vez entregado o selo, ACISA comprométese a vixiar o cumprimento das normas, como asegurou o xerente da asociación: “dende ACISA poderanse facer vistas aos establecementos de xeito informativo para comprobar que as normas se están a cumprir e de fallar algo ou ter que modificar algo, informar ao empresario para que poida corrixilo e así garantir unha seguridade máxima, tanto para traballadores coma para clientes”. E engade “ademais se un negocio cumpre as normas que lles facemos chegar, terá un paso moi avanzado si se chegaran a producir inspeccións dalgunha administración.”

Francisco Iriarte dixo que “con Ribadeo Seguro queremos acreditar o que xa case o 100% dos negocios fan, que é cumprir as normas. Dicirlle aos nosos clientes que é seguro acudir aos negocios da vila, porque están informados de todas as normas que teñen que cumprir e ademais cúmprenas, e que teñen os materiais necesarios a disposición dos clientes: xeles, mascarillas, luvas... porque coñecen os protocolos de desinfección, hixienización e limpeza de superficies e prendas”.

E rematou agradecendo á Xunta a súa axuda: “as guías foron elaboradas coa colaboración e o financiamento da Xunta de Galicia, á  que llo agradecemos. A base normativa forma parte das recomendacións e protocolos que dende o ISSGA nos trasladaron para cada sector. Son guías profesionais, realizadas por espertos da Xunta que contan con todas as garantías. Vanse editar 5 modelos diferentes para os sectores de comercio, bares e restaurantes, hoteis, perruquerías e sector servizos; os socios poderán solicitalos dende hoxe mesmo e recollelos dende o luns, 20 de xullo”.