Acisa Ribadeo crea un novo premio ao mérito no asociacionismo. Neste 2020 recibirao a AECC local. Será na IX Gala que terá lugar o 21 de febreiro.

Acisa ven de crear un novo premio ao mérito no asociacionismo. Neste 2020 vaino recibir a asociación local de loita contra o cancro. Será no transcurso da IX Gala que se celebrará o 21 de febreiro no hotel Voar. Alí será distinguido a título póstumo Pablo Vizoso Iglesias, ex presidente do colectivo empresarial. Tamén recibirán os seus premios os gañadores do Concurso de Decoración do pasado Nadal. Trátase de La Solana e Naná. Estes foron algúns dos asuntos abordados na asemblea xeral celebrada no noite de onte. 

Nesa sesión as contas do pasado ano 2019 foron aprobadas por unanimidade, nese exercicio a asociación ingresou algo mais de 116.000 euros e gastou 124.000, tendo un resultado negativo de preto de 7.500 euros. 

Dende a xerencia de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “este ano destacamos o noso esforzo por reducir o déficit da asociación pretendendo chegar ao obxectivo de cero déficit; dende o 2018 conseguimos reducilo en torno a 25.000 euros e ademais aumentando o numero de actividades que se realizan, o cal nos enorgullece. No tocante os gastos, investimos 71.000 euros na elaboración de campañas, 16.000 euros en vales ou premios para gastar nos establecementos asociados e 3.900 euros en colaboracións con outras entidades”. 

Tamén foi aprobado o presuposto do ano 2020 que dende Acisa esperan sexa superior aos 125.000 ao peche do presente exercicio.

Na asemblea tamén se informou do estado da asociación e das actividades previstas, “comezamos o ano con mais de 160 asociados e cunhas 30 actividades nas que traballar para este 2020”, segundo engadiu Jesús Pérez.

Na sesión informouse aos asistentes do calendario laboral, dos domingos e festivos de apertura para o comercio así como das ampliacións horarias de hostalaría, neste último asunto facendo fincapé en que solo se poderán beneficiar delas os asociados e asociadas de Acisa. 

Nesta xuntanza déronse a coñecer os galardoados de Acisa Ribadeo 2020. Os premios entregaranse na novena Gala que terá lugar o 21 de febreiro ás 21:30 horas no hotel Voar. 

Segundo explicou Francisco Miguel Iriarte, presidente de Acisa, “este ano os galardoados son a titulo póstumo Pablo Vizoso Iglesias, pola súa traxectoria como asociado e como ex presidente da asociación e pola súa gran labor dirixindo esta entidade nos anos da súa creación. Neste 2020 creamos unha nova categoría, o  galardón de Acisa ao mérito no asociacionismo e compromiso social. De forma unánime considerouse que pola súa traxectoria no traballo asociativo e solidario, sendo un dos colectivos con maior relevancia en Ribadeo, polas actividades que realizan, a súa capacidade de convocatoria e a recadación que realizan para unha causa tan importante como a súa, sendo un referente en toda a provincia de Lugo, queremos recoñecer a labor da agrupación da AECC de Ribadeo”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo dixo que “as entradas para todos aqueles que nos queiran acompañar neste dia tan especial están a venda dende hoxe tanto nas oficinas de Acisa Ribadeo como en Gráficas Ribadeo ao prezo de 30 euros. E tamén queremos recordar que na Gala entregaranse os premios do concurso de decoración de Nadal que gañaron La Solana e Naná”.

Política de devolucións
A proposta da presidencia de Acisa sobre a política de devolucións xerou nos últimos días debate no sector do comercio ribadense. Francisco Iriarte explicou que “Ribadeo seguirá a actuar ao igual que o viña facendo ata o de agora. Cada un no seu negocio fará o que estime oportuno. Hai establecementos que en caso de producirse devolucións de produtos reintegrarán o seu importe ao cliente en metálico. Hai outros que entregarán vales por esas devolucións. E hainos que non aceptan devolucións. É dicir, que todo seguirá como ata o de agora”.

E engade: “o que fixemos na asemblea xeral de onte foi lembrarlles aos nosos asociados e asociadas que só están obrigados a facer devolucións en efectivo si se trata dun produto defectuoso. E que a lei tamén obriga a devolver o custe dese artigo a aquelas empresas que venden a través de internet. Despois cada quen actuará como mellor considere para o seu negocio”.

Desde Acisa sinalan que “o que faremos é tentar unificar a imaxe dos establecementos asociados a Acisa coa cartelería relativa á política de devolucións. O comercio de Ribadeo leva moitos anos sendo un referente en toda esta ampla comarca e seguirá traballando para seguir ofrecendo un trato exquisito á súa clientela”.

Barrios marineros
Na asemblea xeral de Acisa tamén se anunciou a intención de promocionar Rinlo e o porto de Porcillán como barrios mariñeiros. Francisco Iriarte manifestou que “non se trata de adquirir propiedades ou arranxalas, tratase dunha proposta de promoción destes enclaves como puntos turísticos con entidade propia para ser visitados polo seu precioso entorno e en especial pola gastronomía dos establecementos que nesas zonas temos como asociados, co excelente produto mariñeiro e as súas elaboracións como protagonistas”.

Eleccións
Nesta xuntanza tamén se procedeu á convocatoria de eleccións. Jesús Pérez contou que “segundo indican os estatutos convócanse eleccións para celebrarse o 27 de febreiro en asemblea extraordinaria. As candidaturas deberan estar presentadas antes do dia 21 de febreiro”.