Acisa Ribadeo inaugurou a súa árbore de Nadal en Rodríguez Murias. As panxoliñas soan xa polas rúas da vila.

Acisa inaugurou a súa árbore de Nadal, que está situada nas Catro Calles, concretamente na rúa Rodríguez Murias. Alí foi creado un espazo único, onde veciños e visitantes poderán fotografarse fronte ao nome de Ribadeo en tamaño XL iluminado para a ocasión. 

O xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, explicou que “a árbore de Acisa, que este ano estrea unha situación nova, na rúa Rodriguez Murias, nas coñecidas como Catro Calles, ten máis de 1.200 metros de luces led, 10 metros de altura e 5 de diámetro. Ademais está decorada no seus laterais cos logotipos dos establecementos asociados, para facer publicidade aos socios e socias de forma directa nun lugar que será de paso para moitas persoas, e no seu frontal leva o nome de Ribadeo en letras XL, de 8x1 metros. A nosa arbore foi acendida xunto co alumeado de todas as rúas de Ribadeo por parte do Concello, ao que lle queremos agradecer a súa colaboración nos traballos de instalación e nos permisos correspondentes".

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, subliñou: “o que queremos é contribuír a crear e manter o espírito destas datas. Para animar as compras e o ambiente do Nadal nas rúas de Ribadeo soarán panxoliñas estes días. En total colocáronse mais de 30 altofalantes en diferentes localizacións, a través dos que soará a música de Nadal en horario de 12 a 14 horas polas mañás e de 18:30 a 22:00 horas polas tardes-noites, co fin de non molestar nas horas de descanso e para crear ambiente nas horas principais do día para a hostalería e o comercio locais”.