Acisa Ribadeo organiza un obradoiro para nen@s sobre o consumo no comercio local. Será os días 17 e 18 de xuño.

A Asociación de Industriais, Comerciantes e Autónomos (ACISA) organiza en Ribadeo un obradoiro de consumo no comercio local dirixido aos máis novos. Esta actividade que se desenvolverá baixo o lema Xogamos con ACISA, terá lugar os días 17 e 18 de xuño. Con ela ACISA continúa coa súa campaña de promoción do comercio local na que está a traballar estas semanas buscando a fidelización dos clientes nos establecementos asociados.

O 17 de xuño o obradoiro dará comezo ás 17:00 horas coa celebración dun gran xogo de quebracabezas. Os participantes deberán seguir as pistas para atopar as pezas e dese xeito chegar á recompensa.

E o domingo, 18 de xuño, o programa continuará cun xogo da oca xigante a partir das 12:00 horas.

Estas actividades, que son totalmente gratuítas, están dirixidas a nenas e nenos con idades entre 6 e 12 anos. Realizaranse na carpa que ACISA instalará no Parque de San Francisco para a ocasión, e a inscrición deberá facerse in situ no momento de xogar. 

Desde ACISA explican que “con esta actividade o que buscamos é concienciar aos máis pequenos da necesidade de mercar no pequeno comercio, no que temos a carón da casa”. E engaden que “vai se unha actividade moi divertida e construtiva. Queremos que os nosos nenos e nenas sexan conscientes da importancia de manter vivo o pequeno comercio, das vantaxes que ten fronte ás grandes superficies e fronte ás compras por internet. Os máis pequenos deben ter presente o trato personalizado e a proximidade entre o cliente e o vendedor. Animamos ás familias a que traian aos seus fillos e fillas a gozar con este obradoiro de consumo no comercio local”.  

Colabora con ACISA na organización deste obradoiro a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria.

ACISA Ribadeo está a levar a cabo unha campaña de fidelización que rematará cun sorteo de 1.000 euros en vales de compra, entre os clientes que merquen durante estas semanas nos establecementos asociados. Ese sorteo terá lugar o día 15 de xullo.