Acisa Ribadeo organiza unha nova edición da Noite Cálida. Será o 9 de agosto. Haberá música na rúa e os locais participantes abrirán ata as dez da noite.

Acisa Ribadeo organiza un ano máis a Noite Cálida que se celebrará o 9 de agosto. Haberá concertos na rúa, espectáculo de Os Bolechas para os máis pequenos e pequenas e os 28 comercios participantes ofrecerán interesantes descontos ata as dez da noite.

O programa de actividades dará comezo ás 20:00 horas coa saída de Os Bolechas do parque San Francisco que percorrerán as rúas peonís para diversión dos máis pequenos. Desde a directiva de Acisa subliñan que “esta actividade chega a Ribadeo grazas á colaboración da Xunta de Galicia. Substituímos así a entrega das tradicionais pulseiras flúor, por un espectáculo didáctico e divertido para os nenos e nenas”.

Durante a Noite Cálida en Ribadeo haberá diversas actuacións musicais que darán comezo ás 20:00 horas, na rúa Rosalía de Castro (esquina con Camilo Barcia Trelles) co grupo La Malquerida. Ás 20:30 horas, na rúa Ramón González actuará o Dúo Something, e ás 21:00 horas, na rúa Reinante estará o solista Miguel Alonso.

Estes intérpretes repetirán actuacións e ás 21:30 horas o grupo La Malquerida estará na Praza de San Roque; ás 22:00 horas o Dúo Something actuará nos soportais avenida de Galicia; e ás 22:30 horas, o solista Miguel Alonso estará na avenida de Asturias, na confluencia con San Francisco. 

A Noite Cálida enmárcase nas actividades organizadas ao abeiro do convenio asinado co Concello de Ribadeo. Desde Acisa o seu presidente, Francisco Iriarte, anima “a aproveitar unha noite de verán para facer compras a prezos moi interesantes, para gozar das actuacións musicais ao aire libre e para achegarse á nosa hostalería a tomar algo, a cear… a pasar unha velada o máis agradable posible”. 

Acisa Ribadeo anuncia que haberá importantes descontos e promocións especiais nos 28 comercios participantes, que terán abertas as súas portas ata as 22:00 horas. Estes serán: Sanjurjo, Esprit, Jatay, Coco, Bora Bora, Marcelota, Mistic, R23, Sweet Monkey, Farfala, Terra Branca, Ginzo Moda, Saia, Bimba, Bodegas Ribeirao, Opticalia, Platería Gutié, Naná, Bis a Bis, Ana Villamayor, Vizcaya, Tu&Tu, Glass, Anais, La Moda Hombre, Mika, Adele e Nina.