Alfoz retornará ao século XV os días 14 e 15 de xullo coa XIX Feira Medieval. O evento é promocionado pola Deputación de Lugo.

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o Alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, xunto ao Concelleiro de Turismo, Xabier Pardiñas, a outros membros da organización, presentaron este luns a XIX Feira Medieval do municipio, que financia o organismo provincial a través dunha axuda de 2.000 euros para a celebración deste evento. Ademais a Deputación colabora con demostracións de artesanía e oficios tradicionais, a través do CENTRAD.

Vidal Baamonde subliñou que “esta Feira rememora o pasado históricode Alfoz,e celebrase nun marco incomparable como é a contorna de castelo de Castro de Ouro, polo tanto unha cita ineludible para esta fin de semana, e para coñecer o legado histórico de Alfoz”. Ademais, o Deputado explicou que dende o Goberno da Deputación“na presente anualidade investimos 330.000 euros para a realización de 71 eventos turísticos, feiras e mercados, en máis de 50 Concellos lucenses, cos que dinamizamos a vida dos nosos municipios, especialmente no rural lugués, contribuíndo a impulsar a súa economía e incentivar o turismo”.

O Alcalde de Alfoz convidou a todos os visitantes a achegarse ao Concello durante estes días, e explicou que nesta nova edición destacan entre as moitas actividades a degustación da cea medieval, a celebración dun mercado con produtos típicos da zona recordando a vida no medievo, demostracións de artesanía, cetrería, representacións teatrais, títeres ou torneos ecuestres. Val Díaz agradeceu o traballo de todas as organizacións e asociacións implicadas na organización deste Feira, “sen a axuda desinteresada de todas as persoas que, ano tras ano colaboran, este evento non sería posible”.

Programa de actividades

Venres, 14 de xullo
21:30 HORAS-O Mariscal Pardo de Cela chega a súa fortaleza do Castrodouro para presenciar o desfile de traxes medievais de Reme Espantoso.
A continuación xuízo á meiga MariaSoliña, representado pola compañia de teatro A Adala de Fazouro e a Agrupación de Zumba do Valadouro.

00:00 HORAS- Queimada e conxuro. Escorrentemos as meigas da nosa alma e desfrutemos ao son das gaitas do grupo Leña Verde.

Sábado,15 de xullo
09:15 HORAS- Ruta de sendeirismo “As fortalezas do Mariscal”, dende a Frouxeira ao Castrodouro, da man de Freixo dos Lobos.

11:00 HORAS- Canta o galo e esperta o Castro. Recende a pan, ecoitase o bater do cicel na pedra e a música da zanfona. Todo esta preparado para volver ao século XV.

11:15 HORAS- Pregón inaugural a cargo de Susi Paz, mentora de ducias de xeracións de rapaces do noso val e fundadora do Grupo Teatral Raiolas.

12:00 HORAS- Pedro Pardo de Cela e Don Fadrique de Guzman, Bispo de Mondoñedo, nomean e bendicen os novos Escudeiros do Castro.

12:30 HORAS- Exhibición de cetrería.

13:00 HORAS-Teatro de monicreques coa obra “Aventura no Castelo”.

13:30 HORAS- Asalto ás tabernas. A tixola da Fonda do Cabaleiro e o forno da Todamira poñen a punto torresnos e chourizos, e viños ata aguantar o asedio.

14:00 HORAS- Tempo para xantar e repousar un anaco degustando os magníficos manxares que podemos atopar nos postos do mercado. Todo isto acompañado de musica de Souto Xímaro.

15:30 HORAS- Chega o monxe menciñeiro do Mosteiro do Freixo, Pedro, con remedios da natureza para toda clase de males.

16:00 HORAS- Tempo para invadir o Prado dos soños e desfrutar cos xogos e desfrutar cos xogos de sempre. Ademais, competicións de tiro á corda, carreiras de sacos e de pipotes.

17:00 HORAS- Exhibición de cetrería.

18:00 HORAS- Ruada da Irmandade de Tambores do Bispo Ramiro II de Mondoñedo.

18:45 HORAS- Torneo de cabalos.

19:30 HORAS-Percura do segredo do Mariscal.

19:45 HORAS- Ruada da Irmandade de Tambores do Bispo Ramiro II de Mondoñedo.

20:00 HORAS- Pausa na Todamira e na Fonda do Cabaleiro para coller folgos. 

20:30 HORAS-Teatro. MircrominaTíteres presenta a obra “Gyrovâgus”.

22:00 HORAS- Gran cea medieval. Mazá, empanada, xamón, chourizo, pan e viño.

23:30 HORAS- Escenificación “As sete almas do Mariscal” e Queimada.

00:45 HORAS- Concerto de Zurrumalla.