Apaga comeza en Ribadeo o 7 de outubro os "Fins de semana tecnolóxicos". Trátase dunha aposta decidida pola formación continua.

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) comeza este sábado, 7 de outubro, en Ribadeo o proxecto denominado Fins de semana tecnolóxicos cos que trata de facer unha aposta decidida pola formación continua. Na xornada deste sábado abordarase a diagnose de determinados problemas dos vehículos coa utilización dun osciloscopio. O presidente de APAGA, Álvaro Doural, subliña que será un curso totalmente práctico. Ofértanse 12 prazas e xa están practicamente cubertas, pero dende a organización informan de que as persoas interesadas en asistir poden dirixirse ao seguinte correo electrónico apagaribadeo@gmail.com

Álvaro Doural salienta que “estamos a facer unha aposta importante polo que é a formación continua do profesorado, dos técnicos de talleres e da xente que se dedica ao mundo do automóbil ou afeccionados. Todas as actividades nosas son abertas para que todo o mundo que queira e estea interesado poida participar. Denominamos este proxecto Fins de semana tecnolóxicos e desenvólvense sempre os sábados en xornadas de oito horas, catro pola mañá e catro pola tarde, e temos en medio unha comida de traballo”.

O presidente de APAGA anuncia que “este sábado empeza esta etapa que vai ir do 2017 ao 2018, cun curso de manexo de osciloscopio, diagnose tanto en motores diésel como en motores de gasolina, que vai ser impartido polo profesor e enxeñeiro Ramón Feijoo, de Vigo. Vai ser un curso totalmente práctico no que analizaremos como se utiliza esta ferramenta para poder diagnosticar determinados problemas que moitas veces xorden no automóbil”.

Doural anima “á xente que estea interesada, a que se poña en contacto con nosoutros. Neste momento aínda queda algunha praza porque son grupos moi reducidos, de doce persoas como máximo. Os interesados poden dirixirse ao correo electrónico de APAGA, apagaribadeo@gmail.com e miraremos de facerlles un oco, senón é neste curso no próximo. Máis adiante miraremos de organizar algún outro sobre esta temática para dar resposta a todas as necesidades, si fose necesario”.

O presidente de APAGA manifesta que “a idea nosa é organizar un curso cada mes. Xa está programado un curso de pintura no mes de novembro e está por programar o de decembro que será de climatización posiblemente. Vanse ofrecer algunhas cousas como un curso de impresión en 3D e outro de son. Vai un pouco tamén en función da dispoñibilidade dos técnicos. Nós pensamos que hai que traer xente que veña a aportar novas tecnoloxías porque ademais de ser nun día de descanso queremos que sexa unha xornada na que a xente aproveite esas horas que vai estar aí”.