A asociación A Ribeira de Foz organiza o 19 de agosto o I Open Quedada de Pesca O Curricán. O prazo de inscrición está aberto ata o 5.

A asociación A Ribeira de Foz coa colaboración do Concello de Foz, CCA-Foz, a Deputación de Lugo e as tendas de pesca Castillo e Kukadas, organiza o 19 de agosto unha xornada de pesca recreativa na modalidade de Curricán.

As inscricións realizaranse antes do día 5 de agosto no número de teléfono 626 309 804 e no facebook da asociación iranse actualizando diariamente os inscritos. A inscrición é gratuíta e o máximo de pescadores por embarcación será de tres, as embarcacións inscritas deberán ter os seus seguros en vigor, e as embarcacións e os participantes deberán estar en posesión da licenza da Consellería que permita a práctica da pesca deportiva.

O 19 de agosto ás 7:00 horas reuniranse os pescadores que sairán ás 7:15 horas, e o límite de chegada ao peirao será as 13:30 horas. A zona de pesca será a comprendida dentro das seis millas da costa comprendida entre Burela e Ribadeo. O número e tamaño das capturas será como marca a lexislación autonómica vixente, 5 quilos e unha peza de maior tamaño por licenza de pesca, e en caso de empate gañarán os que presenten o maior peso na peza maior. Só especies típicas de curricán (vedado por lei o curriolo e a xarda).

Haberá trofeo e obsequios para os patróns das embarcacións primeira, segunda e terceira clasificadas, ademais de para a maior peza, o pescador máis veterano, a muller máis pesquina e obsequio especial para a mellor foto de pesca do evento.