ASPROMOR presenta en Viveiro este sábado, 28 de novembro, un musical inclusivo con máis de 30 intérpretes

Viveiro acolleu a presentación do musical Alicia no País das Marabillas, unha proposta de teatro inclusivo protagonizada por máis de 30 actores e actrices con discapacidade intelectual da asociación ASPROMOR, que chegará ao Teatro Pastor Díaz este sábado, 28 de novembro, ás 20:00 horas.

Na presentación participaron a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde; a xerente de ASPROMOR, Araceli Blanco; o director do espectáculo, Quico Bouza; así como representantes e persoas usuarias da entidade que forman parte do elenco.

A representación enmárcase na conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra o 3 de decembro.

“Dirixido e guionizado por Quico Bouza, o musical ofrece unha particular versión da coñecida historia de Alicia, trasladando a acción a diferentes escenarios da ría de Ortigueira e incorporando elementos da cultura e da música tradicional galega”, explica o Concello de Viveiro, que engade: “durante algo máis de hora e media, as persoas usuarias de ASPROMOR compartirán escenario con músicos, bailaríns e outros colaboradores, nun espectáculo que combina interpretación, música en directo, danza e humor”.

Bouza explicou durante a presentación que “os papeis foron adaptados ás capacidades de cada participante, co obxectivo de favorecer unha inclusión artística real, na que as persoas con discapacidade intelectual actúen ao mesmo nivel que o resto do elenco”.

Unha das novidades desta representación será a participación de ASPANANE, que contará cunha escena específica dentro da obra. Ademais, o seu coro acompañará musicalmente o espectáculo, reforzando a colaboración entre ambas as entidades.

 

A xerente de ASPROMOR, Araceli Blanco, destacou “a implicación das persoas usuarias, profesionais e voluntarias que fan posible este proxecto, así como a importancia de visibilizar as capacidades artísticas das persoas con discapacidade intelectual”.

A asociación, que leva máis de catro décadas traballando neste ámbito, retomou o seu proxecto teatral en 2024, coincidindo co seu 40 aniversario. Desde entón, o musical consolidouse como unha iniciativa de participación e expresión artística que conta coa colaboración de diferentes profesionais e entidades culturais da comarca do Ortegal.

Pola súa banda, a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destacou “a importancia da inclusión como principio transversal e puxo en valor o labor que desenvolven asociacións como ASPROMOR e ASPANANE para favorecer a participación das persoas con discapacidade intelectual na vida cultural e social”.

A función, cun prezo de entrada de 7 euros, ofrecerá ao público unha proposta cultural na que “a música, o teatro e o talento das persoas participantes serán os protagonistas, nunha celebración da diversidade e da inclusión a través das artes escénicas”, destaca o Concello de Viveiro.