Ata despois do IV Ribadeo Indiano estará aberta na Oficina de Turismo a exposición "Os adeuses. Fotografías de Alberto Martí".

Hoxe pola tarde ábrese na Oficina de Turismo a exposición Os adeuses. Fotografías de Alberto Martí, que poderá visitarse ata despois do IV Ribadeo Indiano. 

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, contou que “desde este venres, 30 de xuño, e ata pasado o Ribadeo Indiano, poderemos visitar a exposición itinerante Os adeuses. Fotografías de Alberto Martí, organizada polo Consello da Cultura Galega”. 

O edil nacionalista explicou que “na constante colaboración que hai entre este organismo e o Concello de Ribadeo de cara á organización do Ribadeo Indiano, e tamén noutras ocasións nas que evocamos o noso pasado emigrante, neste ano 2017 poderemos gozar dunha selección de imaxes de Alberto Martí que mostran os dous lados do feito migratorio: os marchares, tristes e dramáticos, aínda que tamén cun certo ar de aventura e misterio polo que está por vir, e os chegares, sempre emotivos e intensos”. 

Graña engadiu que “cunha mirada retrospectiva ao noso pasado recente poderemos coñecer un chisco máis da nosa historia e das nosas tradicións. Ao longo de toda esta semana, e ata pasado o Ribadeo Indiano, teremos esa oportunidade acudindo ata a Oficina de Turismo no seu horario de apertura habitual”.