Ata o 11 de maio está aberta na sala multiusos do Concello de Viveiro a exposición da Rede de Bibliotecas Escolares da Mariña.

A sala multiusos do Concello de Viveiro acolle, do 8 ao 11 deste mes de maio, a exposición “EscribirARTE na Mariña” organizada pola Microrrede A Mariña, coa colaboración do Concello de Viveiro.

A Microrrede A Mariña é un proxecto colaborativo das bibliotecas escolares da Mariña que nesta edición inclúe 16 cadros, un por cada biblioteca da Microrrede, e un conto artístico. As obras plasman a alma dos proxectos dos centros, mesturando estilos tanto narrativos como artísticos cunha gran creatividade.

“As actividades da Microrrede serven de espello do enorme talento artístico que existe entre a mocidade da nosa vila”, subliña a alcaldesa María Loureiro. 

O acto inaugural da exposición será este luns día 8 ás 18:30 horas e contará coa presenza de Primitivo Marcos Ferreiro, artista viveirense, que falará da súa última obra de banda deseñada ‘Viveiro 1810, Augas mortais’ ao tempo que presentará o seu próximo traballo. 

Ao longo da semana tamén haberá actividades dinamizadoras tanto no CEP Lois Tobío, coa actuación do seu coro, na EEI San Roque de Viveiro coa representación de monicreques ‘Cocorico’, e no teatro Pastor Díaz, coa representación de monicreques ‘Hai algo máis aburrido que ser unha princesa rosa?’

Na exposición inclúense os traballos dos seguintes centros: EEI San Roque (Viveiro); CEP Lois Tobío (Viveiro); CEIP de Celeiro (Celeiro-Viveiro); CEIP Plurilingüe de Covas (Covas-Viveiro); CEIP Plurilingüe Santa Rita (Galdo-Viveiro); CEIP O Vicedo; CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove); CEIP de Cervo (Cervo); CEIP Península da Paz (San Cibrao); CEIP Plurilingüe Vista Alegre (Burela); IES María Sarmiento (Viveiro); IES Vilar Ponte (Viveiro); IES Illa de Sarón (Xove); IES Alfoz Valadouro; IES Monte Castelo (Burela); IES Perdouro (Burela); e o conto colaborativo entre as 17 bibliotecas Plambe da Mariña: "Rulando unha historia".

A exposición poderase visitar no salón multiusos do Concello de Viveiro de 18.00 a 20.00 horas do 8 ao 11 de maio.