Ata o 21 de maio está aberta a solicitude dos 40 obradoiros e 31 demostracións do programa "Promoción da Artesanía", da Deputación de Lugo.

O Goberno da Deputación abriu este luns o prazo ata o 21 de maio, para participar na Promoción da Artesanía 2017, a programación coa que o Executivo Provincial, ofrece un total de 71 obradoiros e demostracións en vivo de artesanía aos 67 Concellos da provincia de Lugo, así como a todas as asociacións lucenses. Conta cun orzamento de 35.000 euros para asumir todos os custos da organización e celebración destaS actividades en impulso do sector artesanal da provincia. Na www.deputacionlugo.gal, hai un espazo habilitado, con toda a información, bases e anexos necesarios para presentar as solicitudes, que deberán presentarse no Rexistro Provincial.

Hai unha inscrición para todos os artesáns interesados. Para garantir a igualdade de participación, estes entrarán nunha bolsa á que o organismo provincial recorrerá á hora da celebración dos obradoiros e demostración. A súa selección rexerase por rigorosa orde de solicitude e entrada en dita bolsa. Terán que cumprir cos requisitos que se establecen nas bases. A outra inscrición é para todos os Concellos e asociacións da provincia que desexen beneficiarse destas actividades, que son totalmente gratuítas para os mesmos. 

Dúas liñas
O Promoción da Artesanía 2017 contempla dúas liñas cun total de 35.000 euros:

1ª.- Obradoiros Artesáns. Esta liña conta cunha achega de 22.000 euros, cos que se poderán celebrar un total de 30 obradoiros na provincia: traxe tradicional popular, coiro, encaixe de palillos, cestaría, fotografía, instrumentos musicais, talla de madeira, tornaría, tear, olaría tradicional, cantaría, encadernación, pinturas e revestimentos decorativos, papel, papel artesanal, escenografía ou monicreques. Cada un deles ofrece 25 horas formativas, será financiado en solitario polo organismo provincial con 700 euros. Isto implica que, en total, serán ao redor de 750 horas de formación.

2ª- Demostracións en vivo. Esta liña está dotada con 13.000 euros, coa se poderán celebrar 40 demostracións en vivo: coiro; olaría; cestaría; cantaría; forxa; talla de madeira; torno; tear e creación de espectáculos de monicreques. Cada demostración deberá ser dunmínimode 4 horas, será financiada en solitario polo organismo provincial con 300 euros. Isto implica que, en total, serán ao redor de 300 horas de demostracións.