Ata o 29 de marzo pódese visitar en Viveiro a exposición fotográfica "Eu muller, ti cómplice, elas loitadoras".

O salón multiusos do Concello de Viveiro acolleu a presentación da exposición fotográfica “Eu Muller, ti cómplice, elas loitadoras” organizada por Aspanane e enmarcada dentro do programa das celebración por mor do #DíaInternacionaldaMuller. 

A exposición itinerante pretende concienciar e sensibilizar á poboación sobre a reivindicación de dereitos que realizan no seu día a día as mulleres con discapacidade intelectual e/ou do desenvolvemento para lograr participar e incluírse na sociedade, ao tempo que conseguen que máis persoas sexan cómplices nesta procura da plena igualdade e cidadanía. 

O acto inaugural, dirixido por usuarias do Centro Ocupacional de Aspanane, contou coa presenza da alcaldesa de #Viveiro, María Loureiro, xunto á secretaria xeral da Consellería de Igualdade da Xunta, Susana López Abella. 

“Estou moi agradecida e satisfeita de que a nosa vila acolla exposicións e actividades como esta que hoxe estamos a presentar, porque axudan a visibilizar a loita diaria das mulleres con discapacidade intelectual ou de mobilidade na promoción da súa plena cidadanía”, subliñou a rexedora de Viveiro, que renovou o compromiso do grupo de goberno do Concello con todo tipo de “iniciativas que sirvan para visibilizar, sensibilizar e tamén con accións que ofrezan oportunidades a todas as persoas”. 

A exposición “Eu Muller, ti cómplice, elas loitadoras” permanecerá aberta ata o 29 de marzo.