Ata o 4 de xullo pódese visitar na oficina de turismo ribadense a exposición "O galeón de Ribadeo. Unha vista ao século XVI".

A exposición O galeón de Ribadeo. Unha vista ao século XVI foi inaugurada na tarde de onte na oficina de turismo. Alí poderase visitar ata o vindeiro 4 de xullo.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, contou que “na tarde de onte, 15 de xuño, na oficina de turismo do Concello de Ribadeo, tivo lugar a inauguración da exposición O galeón de Ribadeo. Unha vista ao século XVI. Trátase dunha mostra das fotografías tomadas no curso da investigación que se leva a cabo na ría de Ribadeo desde hai varios anos. Intervimos na presentación: o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; eu mesma como concelleira de Cultura; e o arqueólogo investigador Miguel San Claudio, quen lidera a investigación do pecio coñecido como Santiago de Galiza”.

A edil explicou que “San Claudio recordou que este é un dos grandes xacementos localizados ata o momento da súa época e que está a achegar unha importante información arqueolóxica, relevante pola súa exclusividade. O estudo do galeón de Ribadeo é unha actividade científica na que están implicadas diversas administracións, entidades científicas e equipos de investigación de diferentes institucións e países, que inclúe, entre outros aspectos, unha sistemática documentación de todo o labor de estudo que se está a desenvolver”.

Otero Cabarcos dixo que “aproveitando que a fotografía é un dos principais recursos dos investigadores e investigadoras, fíxose unha coidada selección das imaxes obtidas para ofrecer unha visión xeral do estudo do Galeón afundido fronte a Ribadeo. As imaxes amosan tanto o proceso de estudo e investigación como as pezas e mesmo obxectos cotiáns da vida a bordo que se recuperaron, etiquetaron e inventariaron, o que ofrece unha visión única sobre a vida a bordo dun galeón español do século XVI e, sobre todo, sobre o traballo de investigación que se ven levando a cabo na ría de Ribadeo”.

A responsable de Cultura no Concello de Ribadeo engadiu que “a exposición estará aberta ata o día 4 de xullo nos horarios de apertura da oficina de turismo, todos os días de dez a dúas e de catro a sete. Está previsto que, ao rematar, as fotografías poidan verse nas instalacións do Club Náutico de Ribadeo”.