Ata o 7 de xaneiro pódese patinar en Ribadeo sobre a pista de xeo natural XL, que por terceiro ano consecutivo poñen en marcha o Concello e Acisa polo Nadal.

Xa é posible patinar en Ribadeo na pista de xeo natural XL, que por terceiro ano consecutivo poñen en marcha Acisa e o Concello durante as festas de Nadal.

Abre en horario de 12 a 14 horas e de 17 a 22 horas ata o vindeiro 7 de xaneiro, agás os días 24 e 31 que pechará ás oito da tarde. O prezo da entrada é de 6 euros, aínda que aquelas persoas que merquen ou consuman nos comercios e locais hostaleiros de Ribadeo, asociados a Acisa, e presenten os seus tíckets por importe igual ou superior a 20 euros poderán obter esas entradas ao prezo de 3 euros. Eses tíckets teñen que ir acompañados das papeletas cos descontos que distribuirán os establecementos asociados a Acisa. Catro monitores atenderán a pista de xeo natural XL, de Ribadeo, durante estas semanas. A instalación foi visitada polo alcalde, Fernando Suárez, pola concelleira de Mocidade, Vanesa Yanes, e polos presidente e xerente de Acisa, David Martínez e Jesús Pérez. 

Desde Acisa e desde o Concello animan a mercar e a consumir este Nadal en Ribadeo e a gozar da pista de xeo natural XL, que está no parque de San Francisco.