A Aula Universitaria da Uned en Foz ofrece un curso de informática para persoas adultas do 5 ao 14 de marzo

A concelleira da Aula Universitaria da UNED Foz, Elena Martínez Pena, e a coordinadora da mesma, Marta Muiña Rodríguez, dan conta da programación formativa para o mes de marzo. Presentan unha nova actividade para a que xa está aberta a inscrición: trátase dun curso de extensión universitaria de informática básica e actualizada, dirixido a persoas adultas, denominado Cara a alfabetización dixital: curso integral de informática. O docente do IES de Foz Javier Ferro Dopico será o encargado de trasladar ao alumnado contidos como a xestión da información, o uso de internet, do correo electrónico, das redes sociais ou expoñer as principais recomendacións de seguridade, entre outros. As clases terán lugar do 5 ao 14 de marzo os martes, mércores e xoves, de 17 a 19 horas.

Esta actividade, como a meirande parte das que se ofrecen dende UNED, pode realizarse de maneira presencial e online en directo e en diferido. Para obter máis información pódese contactar coa Aula Universitaria de Foz no teléfono 982.133.699, no WhatsApp 604.034.549 ou a través do correo electrónico foz@lugo.uned.es.

Ademais a concelleira Elena Martínez adianta que nos vindeiros meses seguirán apostando por “unha oferta  variada e dirixida a distintos públicos, tendo proxectados xa cursos de creación literaria ou español para estranxeiros, por exemplo”.
 
Dende a coordinación, Muíña anuncia que “a matrícula da UNED está actualmente aberta, ata o 12 de marzo, para aquelas persoas que pensen en ampliar os seus estudos e realizar unha carreira ao seu ritmo. E tamén anima a dirixirse á aula de Foz para pedir mais información”. 

Finalmente recordan que seguen inmersos no ciclo de presentacións da aula universitaria, despois de ter celebradas varias charlas en Foz e en Burela no mes de xaneiro, e invitan a que se soliciten na aula ou no Concello estas sesións informativas por parte de quen teña interese en coñecer os servizos e recursos que dende a UNED de Foz se ofrecen.