A Biblioteca Municipal de Foz acolle unha sesión de contos para bebés o 6 de outubro pola tarde.

A Biblioteca Pública Municipal de Foz acollerá unha sesión de contos para bebés mañá, venres, ás seis da tarde. Titúlase Os contos do chupete e corre a cargo de Migallas Teatro.

A bibliotecaria municipal, María Jesús Álvarez Sánchez, explica que “Os contos do chupete é unha sesión de contos para bebés na que se integran música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral. Os cativos poderán chuchar contos, cancións e arrolos ata encher a barriguiña nesta proposta para bebés na que gozar en familia”.

Esta actividade é para bebés de 0 a 3 anos, ten unha duración de 35 minutos e forma parte da iniciativa Ler conta moito.