A Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, presentou o novo carné así como as vantaxes do modelo de xetións de fondos da rede de Galicia.

A Biblioteca Municipal El Viejo Pancho presentou esta tarde o novo modelo de carné e as vantaxes do novo sistema de xestión de fondos da Rede de Bibliotecas de Galicia. Compareceron o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e a bibliotecaria Mª Jesús Rañón. 

Graña explicou que “con este novo modelo de carné pódese acceder aos fondos de todas as bibliotecas que se incorporarán ao novo sistema de xestión da Rede de Bibliotecas de Galicia. Así, se alguén se desprazara ata a Biblioteca Nodal de Lugo, ou da Coruña, por poñer dous exemplos, poderían facelo co mesmo carné, sen necesidade de dispoñer dun específico para cada unha das bibliotecas que conforman a rede. Se unha moza se desprazara temporalmente a traballar a Vigo, ou un mozo que fora estudar á Coruña, xa non precisarían facer o correspondente carné en candasúa Biblioteca. Agora somos todos socios e socias en rede”.

O edil salientou que “facer este carné é moi sinxelo, pódese conseguir na propia biblioteca ou mesmo axilizar a súa tramitación cubrindo o formulario na web da Rede. Acudindo á Biblioteca El Viejo Pancho pódese retirar identificándose previamente. Os nenos e nenas menores de 14 anos precisan de autorización”.

O concelleiro de Cultura engadiu que “ao incorporarnos a este novo modelo de xestión de fondos é máis doado facer xestións a través da rede colmo buscar exemplares de libros, CDs,… Mesmo se pode tramitar vía páxina web a renovación ou reserva dos mesmos. Tamén o podemos usar para acceder á plataforma GaliciaLe, do libro electrónico de Galicia. Trátase de dar máis facilidades aos nosos socios e socias para que a visita á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho (ou a calquera outra a través da rede) se faga máis agradable e que tamén resulte máis doado acceder a fondos doutras bibliotecas galegas sen nos ter que desprazar ou, no seu caso, facelo sabendo que imos poder dispoñer do exemplar correspondente por telo reservado previamente”.

Pola súa banda a bibliotecaria municipal, María Jesús Rañón, quixo “animar a todo o mundo a que agora se faga o carné da Biblioteca, xa non hai ningunha desculpa, o carné é totalmente gratuíto. Aos antigos socios da Biblioteca que xa pasamos os seus carnés necesitamos para facelo actualizarlles os datos, entón terían que pasarse por aquí para actualizalos. Moitos cambiaron de dirección e necesitamos eses novos datos”.

A bibliotecaria dixo que “ten moitas vantaxes. Damos o carné único de toda Galicia de todas as bibliotecas. Xa funcionaba nas principais, na Coruña, Lugo, Santiago, nas sete públicas, despois entraron unhas bibliotecas municipais e agora entramos nós con outras 60 bibliotecas, e logo van estar todas. A nós o que nos comunican é que incluso as escolares van estar tamén. Nos parece algo importante ter un carné único para todo. As vantaxes que dá é que podes renovar desde a casa, tamén cambiou o prazo de préstamo que antes era 15 días e agora son 21, os audiovisuais agora son 7 días renovables outros 7”.

María Jesús Rañón insistiu en “animar a todos a que se pasen pola Biblioteca a facer o novo carné e que leven moitos libros para a casa porque temos moitos, creo que estamos bastante actualizados. Ademais a través da páxina web poden consultar desde a casa e incluso facer algunha suxestión de compra ou listas de libros”.