Burela acollerá o 9 de xaneiro a Supercopa de España de fútbol sala feminino. Para o edil de Deportes, Ramiro Fernández, é un orgullo a súa celebración na vila.

Burela acollerá a Supercopa de España de fútbol sala feminino o vindeiro 9 de xaneiro de 2021. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, asegurou que é un motivo de orgullo seguir organizando eventos deste tipo pola proxección que supoñen para o municipio e pola repercusión que terá na hostalería e no comercio locais. 

O edil burelés contou que “desde a Delegación de Deportes do Concello de Burela queremos anunciar que hai unha semanas tanto a Federación Galega de Fútbol Sala como o propio club, Burela Fútbol Sala, se puxeron en contacto con nós para ver a posibilidade de organizar aquí a Supercopa de España de fútbol sala feminino. E desde o primeiro momento tivemos interese en que viñera para aquí esa Supercopa de España porque estas guerreiras que temos merecen que se fagan todos os esforzos posibles para que elas poidan xogar diante da súa xente todas as competicións que sexa posible”.

Fernández Rey dixo que “contamos coa colaboración neste caso da Área de Deportes da Deputación Provincial de Lugo porque o seu deputado responsable, Efrén Castro, mostrouse desde o primeiro momento disposto a axudarnos a levar adiante esta competición aquí, en Burela, o día 9 de xaneiro”.

Para o concelleiro de Deportes “é motivo de orgullo para Burela seguir organizando actos deste tipo, polos que sempre apostamos pois teñen, ademais de importancia no aspecto deportivo, interese para hostalería e para o comercio local, posto que vai haber unha ocupación de sobre 70 habitacións. E na época en que estamos é unha cifra importante, a ter en conta para a hostalería. Tamén polo movemento que xeran este tipo de competicións e ademais vai ser retransmitida pola canle deportiva de Televisión Española. Todo isto supón unha repercusión a nivel nacional moi importante de cara á imaxe do pobo”.

Ramiro Fernández tivo palabras de agradecemento: “para a Federación Española de Fútbol, por contar con Burela para este tipo de actos, e a colaboración da Deputación Provincial”.

O edil engadiu: “vamos facer un esforzo económico importante para poder traer aquí esta competición. Tanto a nivel deportivo como económico é bo para Burela e supón un orgullo poder contar con este tipo de eventos porque nos dan unha proxección que non poderíamos conseguir de ningunha outra maneira”.