Burela acollerá os días 27 e 28 de maio a I Ruta de Enduro Monte Castelo, que organiza o club ciclista Cerezo Bikes. Colabora o Concello.

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, mantivo no día de hoxe unha xuntanza na Deputación Provincial de Lugo co responsable da Área de Deportes, Pablo Rivera. A ese encontro tamén asistiu o presidente do club ciclista Cerezo Bikes, Jaime Seijas, para falar da I Ruta de Enduro Monte Castelo, que se vai  celebrar na localidade os días 27 e 28 de maio. 

Fernández Rey explicou que “o obxectivo da reunión foi trasladarlle ao responsable provincial a celebración deste evento, que está auspiciado pola Federación Galega de Ciclismo e que será puntuable para o campionato da modalidade. Tamén quixemos ver a posibilidade que dende a Deputación de Lugo se apoiase a celebración deste evento. A reunión tivo un resultado moi positivo e a institución provincial vai valorar a organización desta proba por parte do Club Cerezo Bikes de cara ás achegas que a Deputación Provincial dará para a organización de eventos deportivos dentro da súa liña de axudas e subvencións”.

O edil socialista dixo que “dende o Concello de Burela e dende a organización calificamos a reunión como moi positiva e dende o propio club se convidou ao deputado provincial de Deportes, Pablo Rivera, a asistir a ver esta proba, que se celebrará no vindeiro mes de maio polos montes de Burela”.

Ramiro Fernández Rey engadiu: “como Concelleiro de Deportes e como Concello a implicación neste tipo de actividades vai ser a máxima para que a proba se celebre nas mellores condicións, xa que entendemos que tanto a nivel deportivo, xa que o ciclismo de montaña é un deporte totalmente en auxe, como a nivel turístico e económico xa que son actividades que debemos promocionar e colaborar na súa celebración”.

As previsións de participación son de arredor de 200 ciclistas máis a xente que acompañe aos corredores “polo que entendemos que os máis beneficiados, unha vez máis, deste tipo de actividades van ser o comercio e hostalería local, que neses días van verse moi beneficiados polo consumo destes visitantes a Burela”.