Burela acollerá un partido amistoso entre o CD Lugo e o Real Oviedo o 1 de agosto, segundo anunciou o alcalde, Alfredo Llano.

O alcalde burelés, Alfredo Llano, anunciou hoxe que o Lugo e o Oviedo enfrontaranse nun partido amistoso en Burela o vindeiro 1 de agosto. Así llo comunicou o presidente do club lucense ao rexedor con quen coincidiu o pasado domingo no estadio Anxo Carro, onde o Burela se mediu ao Pobra de Brollón na final da Copa Deputación.

Alfredo Llano lembrou que “o domingo estivemos en Lugo no Anxo Carro, para ver un partido extraordinario entre a Pobra de Brollón máis o Burela, que disputaron a Copa Deputación. Foi un torneo bonito, moi ben traballado polo noso equipo que se fixo campión merecidamente, venceu na final 3-1, xogaron ben e vese que leva bo ritmo, que está ben equilibrado e está formando un bo equipo para cumprir o ascenso que imos ter para esta nova tempada”.

O alcalde comentou que “estiven falando co presidente do CD Lugo, chegamos a un acordo, e hoxe mesmo confirmáronme que o día 1 de agosto imos ter un bo partido en Burela entre o Lugo e o Oviedo”.

O rexedor engadiu que “ás sete e media da tarde imos ter este encontro que vai ser, para min, interesantísimo. Penso que a xente de Burela merece este evento deportivo, é motivador para as escolas deportivas, para este novo club de fútbol que temos en Burela, e para todo o mundo que queira aprecialo e estea pola comarca nesa data”.

Para Alfredo Llano “é unha satisfacción moi grande. O outro día o presidente díxome que sería moi interesante, e hai que agradecer ese interese e a celebración deste partido en Burela”.