Burela celebra a Semana Europea da Mobilidade do 16 ao 22 de setembro con infinidade de actividades. O 17 será o día sen coches.

Do 16 ao 22 de setembro terán lugar en Burela as actividades programadas para celebrar a Semana Europea da Mobilidade, que foron presentadas pola concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, xunto a representantes das asociacións e firmas colaboradoras. No acto participou o alcalde en funcións, Ramiro Fernández Rey. 

O slogan deste 2017 é Compartir lévate máis lonxe. O que persegue esta campaña, que coordina o Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, é sensibilizar tanto aos responsables políticos como aos cidadáns “sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche nas cidades e nas vilas, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sostibles como a bicicleta ou as viaxes a pé, ademais do transporte público”. 

Desde hai moitos anos España lidera a participación na Semana Europea da Mobilidade, que en 2016 se celebrou en 2.427 cidades europeas das que 451 foron españolas. “Burela participa por décimo primeira vez, de forma ininterrumpida”, segundo destacou a edil Noelia Mª Ben. 

As actividades en Burela darán comezo este sábado. Ata o 22 de setembro haberá cursos de condución eficiente, talleres de cociña para os máis pequenos, demostracións de ximnasia rítmica, exhibición de baile de salón, ciclismo, xadrez, manualidades, xogos, charlas, obradoiros e circuíto de educación vial, entre outras propostas. O domingo 17 será o día sen coches. Esa xornada desde as 9 ás 22 horas estará pechada ao tráfico a rúa Pardo Bazán, entre Curros Enríquez e Eijo Garay. Será un día cheo de actividades para todos os públicos. Ás 13 horas actuará a Coral Polifónica de Burela. Haberá inchables na praza do Concello, mesas informativas de diferentes colectivos da localidade e ás 18:00 horas terá lugar a tradicional merenda infantil (patrocinada polo CCA de Burela) e chocolatada coa colaboración da asociación Os Asadores e Ledicia. Será na praza da Mariña ao igual que a actuación de Peter Punk con Peor imposible, a partir das seis e media da tarde. 

Noelia Mª Ben explicou que “repetimos as actividades que o ano pasado nos funcionaron moi ben e como novidade quero destacar a participación da asociación Stop Accidentes, que acudirá a dar charlas aos institutos Monte Castelo e Perdouro”.

A concelleira de Medio Ambiente agradece a colaboración “de todas as asociacións e colectivos que un ano máis estarán presentes na programación desta Semana Europea da Mobilidade, que se desenvolverá do 16 ao 22 de setembro. Queremos concienciar á nosa veciñanza da importancia de promocionar a mobilidade sostible e fomentar o desenvolvemento de boas prácticas e medidas permanentes. E que todo o mundo o pase ben coas actividades ofertadas”.