
O Concello de Burela dará comezo á programación do Orgullo LGTBIQA+ coa mesa redonda Identidades, expresión e afectos: un diálogo aberto, unha actividade organizada en colaboración co asociación Arelas que terá lugar o vindeiro mércores, día 1 de xullo, ás 19:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello.
“A iniciativa nace coa vontade de crear un espazo participativo e aberto á cidadanía no que persoas con diferentes realidades e experiencias vitais dentro do colectivo LGTBIQA+ poidan compartir as súas historias, reflexións e aprendizaxes. O encontro pretende contribuír á visibilización da diversidade afectivo-sexual, familiar e de xénero, favorecendo a reflexión colectiva e axudando a desmontar prexuízos e estereotipos que aínda persisten na sociedade”, explica o Concello de Burela.
A concelleira de Igualdade, Sandra Fernández, destaca: “dende o Concello de Burela queremos que o Orgullo sexa moito máis ca unha data no calendario: queremos que sexa un espazo para escoitar, aprender, acompañar e reivindicar. Esta mesa redonda é unha oportunidade para achegarnos a realidades que moitas veces foron silenciadas e para seguir construíndo unha Burela máis libre, máis respectuosa e máis diversa".
A concelleira engade que “a igualdade tamén se constrúe dando voz ás persoas, creando referentes positivos para a mocidade e defendendo que todas as persoas teñen dereito a ser quen son e a amar como senten, sen medo e sen discriminación”.
A actividade está dirixida á cidadanía en xeral, “con especial interese para persoas mozas, familias, profesionais da educación, da intervención social e da saúde, así como para entidades e colectivos comprometidos coa diversidade e coa defensa dos dereitos LGTBIQA+”.
Sandra Fernández rematou explicando que con esta actividade o Concello de Burela “reafirma o seu compromiso coa construción dunha vila máis inclusiva, diversa e libre de LGTBIfobia, facendo do Orgullo un espazo de participación, sensibilización e defensa dos dereitos humanos”.


