
O Concello de Burela presenta unha nova edición da Ruta do Peixe, unha iniciativa turística que permitirá coñecer de preto o funcionamento da lonxa e o proceso de venta do peixe. As visitas realizaranse os luns ás 18:00 horas e de martes a xoves ás 19:00 horas e terán unha duración aproximada dunha hora.
Os prezos son de 8 euros para persoas adultas, 6 euros para mocidade de entre 12 e 17 anos, e gratis para os menores de 12 anos. Debido á limitación de prazas será necesaria a reserva previa, que poderá realizarse a través da páxina web rutadopeixe.burela.org.
Na presentación da iniciativa participaron o concelleiro de Turismo do Concello de Burela, Ramiro Fernández; o xerente de ABSA, Miguel Neira; e o guía das visitas, Boris Vilar, responsable de Rutas Galicia Norte.
Segundo explicou Ramiro Fernández, “nesta edición introdúcense cambios no formato da actividade coa incorporación dun guía profesional e cun percorrido máis amplo”. O concelleiro sinalou tamén que “a visita contará con máis explicacións sobre a actividade pesqueira e sobre o proceso de venda do peixe na lonxa”.
Fernández indicou ademais que a introdución dun prezo para participar “responde á vontade de profesionalizar a actividade e mellorar a súa organización”. Neste sentido, explicou que “en edicións anteriores, ao tratarse dunha proposta gratuíta, había ocasións nas que persoas inscritas non acudían ás visitas, o que impedía ocupar esas prazas con outras persoas interesadas”.
O concelleiro subliñou a boa acollida da actividade nos últimos anos e sinalou que “as rutas do peixe sempre tiveron unha ocupación do 100% en cada visita”, polo que agarda que a nova edición manteña o interese do público.
Finalmente, Ramiro Fernández enmarcou esta iniciativa “dentro da aposta municipal por un turismo vinculado aos recursos propios do municipio, poñendo en valor a actividade da lonxa e os produtos pesqueiros de Burela”.


