Calabash e A Gramola reaparecen para actuar xuntas o 10 de agosto no Cine Teatro, en Ribadeo.

As formacións musicais ribadenses A Gramola e Calabash volven ensaiar, despois duns anos de inactividade, para reaparecer nun concerto conxunto que ofrecerán este venres, día 10, ás 20:30 horas no Cine Teatro de Ribadeo con entrada gratuíta.

O músico ribadense Marcos Rodríguez, que é a cabeza visible desta iniciativa, explicou: “para nós, refírome a Olalla Canoura López, profesora de violín nas escolas municipais de música de Ribadeo e de Burela, e para min, que son o profesor de percusión na escola de Ribadeo, é un pracer volver reunir a xente con dous proxectos que tíñamos parados. Un deles é Calabash, un grupo de percusión de Ribadeo que levaba tres anos sen actuar, xa que debido ao relevo xeracional tivemos que esperar uns anos e agora temos uns rapaciños que xa poden animarnos un pouco a tarde, como veremos este venres. E por outro lado está A Gramola, un proxecto que puxemos a andar Olalla e máis eu hai dous anos para a festa de indianos de Ribadeo e o ano pasado intentamos reunilo outra vez pero o tempo pasa para todos e algúns nenos vanse estudar fóra e outros non poden, polo que o ano pasado foinos imposible, pero este ano decidimos xuntarnos para o mes de agosto e retomar eses dous proxectos: Calabash e A Gramola”.

Marcos Rodríguez engadiu que “en canto a repertorio A Gramola vai seguir no estilo de obras polo que xurdiu esta agrupación, que son boleros, chachachás, mambos e sambas, sempre coa corda como base, acompañada dun grupo de percusionistas e dunhas frautas e uns clarinetes, pero principalmente é unha agrupación de corda. Os asistentes ao concerto poderán escoitar un medley de boleros, Mambo Nº 5 e varios temas máis, pero tampouco vamos dicir agora todos. E Calabash segue na liña de anos atrás, con rock and roll, mambos, batukadas, principalmente ritmos latinos e xogando un pouco coas melodías na percusión. Normalmente os grupos de percusión que escoitamos por aí son de batukadas, con tarolas, repiques, surdos, … Pero nós xogamos coa base principal das láminas: marimbas, xilófonos, vibráfonos, …”

O promotor da actuación de A Gramola e Calabash tamén adiantou que “para rematar o concerto faremos tres temas xuntos, porque pensamos que é unha oportunidade para fusionar dúas agrupacións tan diferentes e pode saír algo especial. Soamente polo cariño que se está poñendo en facer realidade este proxecto pensamos que pode quedar entretido e pasar unhas horas en bo ambiente”.

Marcos Rodríguez explicou ademais que “A Gramola está formada por 30 músicos, con rapaciños desde 8 anos de idade, algúns que empezaron a tocar o violín en outubro do 2017 e xa se van animar a facer o seu primeiro concerto con 8 ou 9 obras, o que para eles será todo un reto. E Calabash imos ser entre 15 e 20 persoas nesta actuación. Polo tanto esperamos xuntar entre 45 e 50 músicos no escenario”.