A Caravela Vera Cruz, réplica das que participaron na primeira volta ao mundo hai 500 anos, regresa a Viveiro o 10 de setembro.

A Caravela Vera Cruz, unha réplica das carabelas portuguesas dos séculos XV e XVI, partiu de Lisboa o 25 de agosto rumbo a Guetaria, co obxectivo de participar no 500 aniversario da primeira volta ao mundo, que finalizou o 6 de setembro de 1522 en Sevilla, por parte de Juan Sebastian Elcano e Fernando de Magallanes. Durante súa singladura ata Guetaria, a Vera Cruz realizou unha parada técnica no porto de Celeiro o 28 de agosto.

Como xa estaba previsto, despois dos actos que tiveron lugar na localidade vasca, no seu regreso a Lisboa, a Caravela Vera Cruz realizará unha nova parada en Viveiro. A previsión é que saia de Guetaria esta mesma tarde e que chegue ao porto de Celeiro no atardecer do venres, quedando atracada no peirao norte de Celeiro.

A embarcación poderá visitarse gratuitamente ao longo da xornada do sábado 10 de setembro, en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, permitindo que todas aquelas persoas que o desexen poidan visitar esta carabela que, no seu interior, alberga unha recreación de como era a vida a bordo naquela época. Asemade, o concello realizará unha recepción oficial.

A tripulación da Caravela Vera Cruz está formada por uns quince homes e mulleres, entre os que se inclúe ao viveirense Manuel López Martínez, que foi o promotor desta parada, que conta coa colaboración do Concello de Viveiro e de Andrés Díaz Ferro, práctico retirado de Vivero, Burela e Cariño, así como da Consignataria de Viveiro, Nieves López.

Esta é unha oportunidade única para visitar esta embarcación, que pertence a Aporvela, a Escola Portuguesa de Capacitación de Vela.