Carla García López, de 9 anos, é a gañadora do concurso "Polos nosos negocios", que foi convocado por Acisa co obxectivo de amosar o apoio dos ribadenses aos establecementos locais.

A nena Carla García López, de 9 anos e natural de Ribadeo, é a gañadora do concurso Polos nosos negocios, que foi convocado por Acisa co obxectivo de amosar o apoio dos ribadenses ao comercio e á hostalería locais tras este tempo de confinamento. 

Desde a directiva de Acisa lembran que “do que se trataba era de deseñar un cartel e un slogan que animen á xente a facer as súas compras no comercio da vila e a consumir na hostalería local e mais agora, despois de dous meses de peche obrigado pola chegada da pandemia do Covid-19”.

Foron unha ducia os traballos presentados por nenos e adultos nos que empregaron diferentes técnicas de deseño e apostaron por diferentes lemas. A xunta directiva de Acisa analizou os traballos e realizou unha votación da que saíu elixido o cartel e o slogan de Carla García López. No debuxo, moi colorido, pódese ver a dúas persoas camiñando por unha rúa de Ribadeo dirixíndose a mercar a un comercio. O slogan do cartel é o seguinte Merca no teu comercio e fai medrar o teu pobo… aínda que chova. Carla García explica no texto co que acompañou a súa creación que “despois dos duros momentos que estamos a pasar, aínda virán tempos difíciles, aínda seguirá chovendo. Por iso temos que arrimar todos o ombreiro para saír adiante. E unha forma é mercando no comercio local para así axudar a moitos veciños que se gañan a vida vendendo produtos ou servizos. Así estes veciños poderán axudar a outros e así iremos medrando todo pouco a pouco ata que escampe. Por iso Merca no teu comercio e fai medrar o teu pobo… aínda que chova”.

Acisa establecía dous premios únicos de 150 euros cada un en vales de compra. Un premio sería para o mellor cartel e o outro para o mellor slogan. Nas bases considerábase a posibilidade de que o slogan e a imaxe se puidesen escoller por separado entre as diferentes propostas recibidas; pero tamén se podería dar o caso de que a imaxe e o slogan correspondesen a un único traballo. Deste xeito o gañador recibiría 300 euros en vales de compra, porque tería presentado o mellor cartel e o mellor slogan. E iso foi o que aconteceu coa gañadora: “Carla García reflicte perfectamente no seu cartel e no seu slogan ese apoio que demandamos agora para o sector empresarial ribadense”. 

A gañadora do concurso Polos nosos negocios recibirá 300 euros en vales de compra para consumir nos negocios locais de Ribadeo. O premio seralle entregado a principios do vindeiro mes de xuño, “para que poida facer uso no comercio, na hostalería ou nos servizos locais. Consideramos que nese momento haberá moitos negocios abertos en Ribadeo para poder gozar dese premio”. O mesmo ocorrerá cos premios aos gañadores do Concurso de Fotografía do Día do Pai.