CCH de Viveiro e Prato-Do poñen en marcha de novo unha campaña de colaboración co cine local

Desde CCH explican que “retomamos neste inicio de 2024 a colaboración que xa ven sendo habitual con Cines Viveiro e Prato-Do. Trala boa acollida entre o público que tivo esta promoción nas súas anteriores edicións, poñémola de novo en marcha pero con varias novidades có fin de mellorar a actividade o máximo posible. O obxectivo segue a ser o de poñer en valor o cine, e achegar a cultura cinematográfica ós mais novos, pero sempre desfrutando dende unha butaca de sala de cine e nunha gran pantalla”. 

Por este motivo, o CCHV, a Asociación Prato-Do co seu proxecto Viveiro Sostible e Cines Viveiro continúan a sumar forzas para acadar a visibilidade que merece o esforzo que conleva ter películas de primeira, estreas ó mesmo tempo que no resto do territorio nacional, nun cine local. Serán vales desconto de 2€ para poder ver, nesta ocasión (antes eran 3), 4 películas de animación e aventuras a elixir, “Migración” “Wonka” “Vampiro al Rescate” y “El Fantasma de Canterville”. 

E engaden que “en aras de seguir mellorando a experiencia, imos poñer en marcha a promoción unha fin de semana para Viveiro e outro fin de semana para a Mariña Occidental. Polo que haberá vales tanto para o 20 e 21 como para o 27 e 28 de xaneiro. Na primeira fin de semana poderanse beneficiarse os nenos dos colexios de Viveiro e na seguinte fin de semana serán os nenos dos colexios da Mariña Occidental. Para a primeira fin de semana os vales serán entregados nos colexios de Viveiro, CEIP Pedrosa Latas de Celeiro, CEIP Landro, EEI San Roque, CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo, CEIP Plurilingüe de Covas e o CEP Lois Tobío, e na segunda fin de semana entregarémolos nos colexios de O Vicedo, Xove, Cervo e Burela, chegando así a outros colexios da comarca”.