A cea de coroación do rei do Entroido de Foz será o 31 de xaneiro

Este venres, día 16 de xaneiro, ás 18.00 horas abrirase o prazo para reservar entradas para a cea de coroación do Rei do Entroido 2026: Dérek Pérez González e as súas damas, Laura Fanego Fernández e Cristina Otero Rodríguez. Será o día 31 de xaneiro.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “este ano, como novidade, substitúese o correo electrónico por un formulario habilitado na web para este evento. O representante de cada mesa cubrirá os seus datos e enviará o listado cos membros da mesa. Buscamos que sexa unha forma sinxela para anotarse e reservar as entradas, sen as longas colas que ser formaban antes”.

O evento, que será de novo na carpa situada na rúa Atalaia, na que xa se está colocando todo, será o sábado 31 de xaneiro. O menú consta de empanada, sopa de cocido, costela asada, postre con viño, refresco, auga e chupito e tamén haberá menú sen glute. O prezo da tarxeta será de 30 euros e a cea estará amenizada por DJ Cosme de Eventec e o grupo Los Coleguitas.

As reservas serán confirmadas pola organización e poderán recollerse na Casa da Cultura os días 26, de 10.30 a 13.30 horas e de 17.30 a 19.00 horas, e 27, de 17.30 a 19.30 horas.

A apertura de portas será as 21.00 horas para comezar ás 22.00 coa cea. A coroación será entorno á 1 da madrugada e tamén haberá actuación da batukada Kombarullo e da percusión Os Petapouco, da comparsa Ruxe Ruxe. O prazo de reserva rematará o día 18 ás 23.59 horas.

O concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, anuncia que “ese día pola mañá as comparsas da vila -Sin Xeito, As Farangullas, Ruxe Ruxe, Maloserá e Trouleiras- realizarán pasarrúas por diferentes rúas do pobo para animar a xornada”.

E o alcalde, Fran Cajoto, engade que “este é o inicio dun dos períodos do ano máis importantes para o concello e os seus habitantes. Así que agardamos que todo o mundo desfrute moito do Entroido de Foz”.