Cen rapazas e rapaces de Barreiros e Ribadeo participarán na campaña "Coida os mares, coida a vida".

A deputada de Medio Rural, do Mar e Mocidade, a nacionalista Mónica Freire ven de presentar a campaña de sensibilización mariña Coida os mares, coida a vida xunto aos representantes de Adega, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz. 

Con esta campaña, a Área de Medio Rural, do Mar e Mocidade pretende poñer en valor o respecto pola biodiversidade animal e vexetal coa que contamos no litoral da provincia de Lugo para poder conservar e utilizar de xeito sostible os nosos recursos mariños.

Por este motivo, coincidindo co día mundial dos océanos o vindeiro 8 de xuño a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) iniciará unha serie de actividades de educación ambiental, dirixidas a mozos e mozas en idade escolar en varios colexios de educación infantil e primaria nos concellos de Ribadeo e Barreiros. 

Entre as accións máis destacadas figura a organización de varias saídas para efectuar limpeza de praias na contorna, cuxo obxectivo é chamar a atención sobre a problemática do lixo mariño, a insostibilidade dos modelos de consumo, as malas estratexias de xestión dos residuos e a falta de sensibilización ambiental da poboación. 

Os residuos vertidos no mar teñen graves consecuencias para a os ecosistemas mariños: máis de un millón de aves mariñas e case cen mil mamíferos e tartarugas morren cada ano a consecuencia da inxesta do lixo mariño, especialmente por microplásticos.

A campaña Coida os mares, coida a vida conta cun orzamento total de 5.268 euros, dos cales a área de Medio Rural colabora aportando 5.000 € e Adega os restantes ata completar o orzamento. 

“Con esta actuación pretendemos dar visibilidade a esta problemática e concienciar ás crianzas da importancia dunha axeitada xestión dos nosos residuos e do noso consumo. A sensibilización ambiental é chave para a realización destas xornadas, podendo observar de primeira man a cantidade de lixo que agochan as nosas praias. O océano (vida e medios de subsistencia) é o tema do Día Mundial dos Océanos deste ano. Debemos ser capaces de conservar e empregar de xeito sostible os océanos, os mares e os recursos mariños", manifestou a deputada Mónica Freire. 

Ao longo da vindeira semana, e na que se celebra o día internacional dos océanos, esta acción chegará a un total de 100 pícaros e pícaras dos dous concellos mariñáns. Serán crianzas do colexio público de Barreiros, e dos dous colexios de primaria de Ribadeo, Gregorio Sanz e Sagrado Corazón de Jesús. Ademais de contar cunha charla educativa realizarán unha saída de recollida de plásticos ás praias de Lóngara, no caso do centro de Barreiros, e a dos Bloques e Illas Castros no caso dos dous centros de Ribadeo. 

Pola súa parte, o concelleiro de medio ambiente, Jorge Díaz, recalcou que “unha das múltiples problemáticas, quizais a mais irresponsable, é a dos vertidos contaminantes, residuos de todo tipo tirados ou baleirados ao mar, usando os mares como se fosen buratos negros espaciais e pensar que todo o que se verte ahí desaparece e non ten ningún tipo de risco para a natureaza e o planeta” e engadiu que “con este tipo de actividades e campañas educativas esperamos rectificar estes nosos comportamentos erróneos e dar a volta a esta situación tan preocupante”.