Cervo acollerá os días 25 e 26 de xuño o Campionato Galego Alevín de Natación, que reunirá a 200 nadadores de 24 clubs.

O Concello de Cervo acollerá esta fin de semana o Campionato Galego Alevín de Natación que se celebrará na Piscina Municipal Olímpica de Lieiro.

Na presentación da proba participaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de deportes, David Rodríguez, o secretario da Federación Galega de Natación, Ramón Mosquera, e o presidente do Club Natación Xove, Alberto Pigueiras.

No campionato, que organizan o CN Xove e a Federación Galega de Natación, coa colaboración do Concello de Cervo, participarán uns 200 nadadores, pertencentes a 24 clubs galegos.

O alcalde, Alfonso Villares, significou a importancia que ten para Cervo “acoller unha competición deste nivel, que supón un escaparate de primeira orde, xa que prevemos que preto de 1000 persoas visitarán o noso municipio ao longo de toda a fin de semana, entre nadadores, público, adestradores e delegados, e estimamos polo tanto, que a ocupación hostaleira no municipio rondará o 100%”. 

Así mesmo, Villares sinalou que “en Cervo temos o privilexio de contar cunha piscina municipal olímpica, de 50 metros e 8 pistas, única destas características en toda a provincia de Lugo, e das poucas que hai en Galicia -nestes intres só permanece operativa a de Ourense- o que a convirte na mellor das instalacións para acoller un evento deportivo desta categoría”.

Pola súa banda, o edil de Deportes apuntou que “O privilexio que supón poder ver en Cervo a promesas da natación grazas ás incomparables infraestruturas deportivas que temos no municipio e á estreita colaboración que mantemos co CN Xove, que atrae este tipo de campionatos para a nosa zona”.

Villares e Rodríguez remataron convidando a todo o mundo a acudir a Cervo nunha fin de semana na que “poderán gozar, de xeito gratuíto, dun evento deportivo que contará coas mellores promesas da natación galega, ao tempo que poderán coñecer os atractivos culturais, gastronómicos e paisaxísticos de todo o Concello”.

A competición terá lugar o sábado e o domingo, en sesión de mañá e tarde; ás 10:30 e ás 17:00 horas, respectivamente.